Saltar ao contido

Afonso Vázquez Monxardín

Afonso Vázquez Monxardín
Facultade de Filosofía, aula 1
16 de Xullo de 2026
|
12:00

Afonso Vázquez Monxardín Fernández (Ourense 1960), móvese entre o mundo da historia (estudou na USC as especialidades de Prehistoria e Arqueoloxía, Xeografía e Historia de Galicia e Arquivística e Biblioteconomía, e é membro do Grupo Marcelo Macía de colaboradores do Museo Arqueolóxico de Ourense), e o mundo da lingua e literatura galega, onde desenvolveu a súa carreira profesional como Catedrático da materia no Ensino Medio, ao tempo que impartiu cursos en centros galegos e cursos de extensión universitaria en Arxentina, Chile e Brasil, coñecendo ben aquelas colectividades hai uns 40 anos.

Comprometido co activismo cultural participou no impulso ao Clube Alexandre Bóveda de Ourene nos anos noventa e á posta en marcha do Arquivo Sonoro de Galicia e do Arquivo da Emigración no seo do Consello da Cultura Galega. Colaborador en prensa pasou por varias cabeceiras (La Voz de Galicia, O Correo Galego, Galicia hoxe…) e desde hai vinte anos colabora todas as semanas en La Región de Ourense. Levou os premios de xornalismo Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense (2009), Carlos Casares do Concello de Xinzo (2017) e Bernardo Cachamuíña, da Subdelegación de Defensa de Ourense (2024). Publicou numerosos artigos en revistas sobre temas culturais, e editou algúns libriños sobre personaxes como Afonso X, Xoaquín Lorenzo, Otero Pedrayo, Silvio Santiago, etc. Comisariou algunhas exposicións como a de “Galicia de Nós a nós” (2020) -xunto con Ana Acuña- a adaptación ourensá da de Afonso X e Galicia do Consello da Cultura Galega (2021), ou a da Historia do Rexemento Zamora 8 e a historia militar en Ourense (2024).

Comprometido coa memoria de Valentín Lamas Carvajal, recuperou unha das súas primeiras obras “El Cancionero del Miño”, que prologou e editou en facsímile en 2022 na Deputación de Ourense; elaborou a entrada “Valentín Lamas Carvajal, o cuarto pé do rexurdimento” para a web Álbum de Galicia do CCG e promoveu o roteiro de homenaxe no 150 aniversario da saída á rúa d’O Tio Marcos da Portela do 6 de febreiro, pola cidade de Ourense. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2018.

Valentín Lamas Carvajal e o éxito da prensa popular en galego no Rexurdimento

Na charla, apoiándose en diapositivas e textos, farase unha reivindicación do papel de Valentín Lamas Carvajal no éxito e mantemento do Rexurdimento a través do seu labor tanto como literato de creación como como xornalista impulsor de varios medios, cultos -como o Heraldo Gallego- e populares como “O Tío Marcos da Portela. E farase unha reflexión sobre a construción do canon e como certos temas persoais poden escurecer figuras como a de Valentín.