Saltar ao contido

María Obelleiro

María Obelleiro
Aula 4 da Facultade de Filosofía
18 de Xullo de 2023
|
12:00

María Obelleiro Hermida (Soutomaior, 1985) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais de ser graduada en Educación Primaria, mestrado en Protocolo e mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Linguas. Comezou a súa traxectoria xornalística no histórico semanario A Nosa Terra e, tras dirixir a publicación Sermos Galiza, foi nomeada directora de Nós Diario, cargo que desenvolve desde xaneiro de 2020. Especialista en xornalismo en Igualdade, colabora con medios de comunicación como a Radio Galega, o medio euskaldun Berria e o medio catalán Vilaweb. Colaboradora na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades durante cinco anos, obtivo o premio Johán Carballeira de Xornalismo.

Medios e lingua galega: Por que non?

O galego conta hoxe cunha presenza moi reducida na prensa escrita. Tan só un dos medios diarios en papel entre a decena de cabeceiras que se imprimen en Galicia está redactado en lingua galega. Ademais, só é posíbel escoitar, de norte a sur, e de leste a oeste do país, unha soa emisora en lingua galega, a radio pública. O mesmo acontece coa televisión. Por que o galego fica cinguido a medios dixitais? Por que non logra penetrar no resto de medios de comunicación se existe un público potencial? En galego, por que non? Analizamos os retos do galego nos medios de comunicación.