Manuel Rivas
Manuel Rivas, A Coruña, 1957. Escritor e xornalista, é autor dunha obra que se estende ao longo de máis de corenta títulos traducidos a máis vinte linguas que acadaron o recoñecemento do público e da crítica, e que foron levadas ao cine en varias ocasións. Dono dunha voz moi recoñecible, entre o lirismo e a ironía, as súas creacións retratan a sociedade galega dende o compromiso cívico con cuestións como memoria histórica, a xustiza social e o ecoloxismo. É doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e codirector da revista Luzes. Malia ser recoñecido sobre todo como narrador, Manuel Rivas deuse a coñecer como poeta, xénero que nunca deixou de cultivar ao longo da súa carreira literaria.
Alén do seu traballo como escritor, Manuel Rivas mantén un firme compromiso cívico coa recuperación da memoria histórica e o ecoloxismo, recoñecido cos premios da Fundación Luís Tilve, da Sección Belga de Amnistía Internacional, o Artemio Precioso, o Xarmenta de promoción do galego no Bierzo e mais o Premio Internazionale de Scritture in Lingua Madre de Ostana 2019. En decembro de 2022 recolleu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do Goberno de España. En outubro de 2024 foi distinguido co Premio Nacional das Letras Españolas.
Coloquio literario
O noso autor vai compartir diálogo literario con María López-Sández que, ademais de directora dos Cursos, é filóloga, escritora e actualmente profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigadora centra os seus estudos na teoría da literatura, a sociolingüística e a didáctica da lingua, e como creadora literaria é autora de distintas obras de ficción, entre elas A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve. Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite da Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020), no que os textos da súa autoría dialogan coas fotografías de Miguel Muñiz. Conta ademais cunha columna semanal en La Voz de Galicia.