Saltar ao contido

Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre
Facultade de Filosofía, aula 1
14 de Xullo de 2026
|
12:00

Marilar Aleixandre (María Pilar Jiménez Aleixandre, Madrid, 1947) ten unha identidade escindida –ambas feministas– entre literatura, e bioloxía e a investigación sobre argumentación e pensamento crítico como catedrática de Didáctica das Ciencias na USC. Publicou poesía, Mudanzas e outros velenos, narrativa xuvenil, A expedición do Pacífico, A cabeza de Medusa, e narrativa, Lobos nas illas, Teoría do caos. En 2022 acadou o Premio Nacional de Narrativa pola novela As malas mulleres; En 2025 publica As bocas cosidas, sobre un seu tío guerrilleiro. En canto a ensaio e biografías, é autora de Castelao segundo Rañolas, de Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán con María López Sández, e con Emma Pedreira de Juana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo. En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega. En 2024 foi galardoada co Premio Luís Porteiro Garea polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias.

Begoña Caamaño: a reescritura feminista dos mitos

Begoña Caamaño olla o mundo a través das lentes violeta do feminismo. Grazas a elas as escritoras feministas, que non temos outra forma de mirar, vemos o que para moitos é invisible. Analízase a reescritura feminista dos mitos nas dúas novelas Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. En Morgana en Esmelle Caamaño desestabiliza os mitos artúricos en tres eixes: 1) sitúa a Morgana e Viviana no centro do relato, como defensoras do acceso ao coñecemento; 2) establece relacións de complicidade entre Morgana e Xenebra; 3) desartella a preeminencia de Britania, á que Merlín se entregou. En Circe ou o pracer do azul o mito desescrito é a Odisea, Caamaño lévao a cabo zurcindo con fío violeta linguas cortadas, sexa física ou simbolicamente.