Saltar ao contido

Paulina Ceremuzynska

Paulina Ceremuzynska
Facultade de Filosofía
9 de Xullo de 2019
|

Paulina Ceremuzynska estudou Interpretación de Música Medieval cos na Universidade de Paris-Sorbonne e Musicoloxía na Universidade de Varsovia. No ano 2004 trasládase a Santiago de Compostela, para estudar en profundidade a música e a lingua das cantigas medievais galego-portuguesas. Froito do seu traballo de transcrición e interpretación das cantigas de amor do Pergamiño Sharrer, é o disco “Cantigas de amor e de amigo”, a segunda gravación mundial das cantigas de amor do rei portugués don Denís, que obtivo excelentes críticas na prensa especializada. A súa investigación no eido musical deu tamén lugar aos discos E moiro-me d’amor (2007), consagrado a reconstrución da música perdida das cantigas de amigo dos máis destacados trobadores da tradición galego-portuguesa; e Audite Gentes! Salmos do Século de Ouro (2015).En 2015 participou no proxecto dedicado a Hildegard von Bingen de Guillemette Laurens, quen a convidou un ano despois como asistenta no marco da Academia de Canto do Festival de St.Bertrand-de-Comminges, centrada nas Cantigas de Santa María. No ano 2017 organiza en Santiago de Compostela un curso internacional de interpretación historicamente informada das Cantigas de Santa María e en 2019 é convidada ao Conservatorio CRR de París, para dar un curso sobre as cantigas medievais galegas.

As cantigas medievais galegas, un tesouro da música medieval europea (concerto – conferencia)

As cantigas medievais galegas son un dos maiores tesouros da música medieval europea e, xunto co tesouro da música tradicional, o máis importante repertorio da música galega de todos os tempos. Confírmao o recoñecemento e a forte presenza que ten dende hai anos este repertorio nos escenarios de todo o mundo. Este concerto-conferencia pretende achegar o alumnado aos coñecementos básicos sobre os diversos xéneros das cantigas (de amigo, de amor, de Santa María, de escarnho e maldizer), tratando sobre a súa música e o seu texto entendidos como partes inseparables unha da outra.

XS