Saltar ao contido

Manuel Lucas e Alejandro Gándara

Manuel Lucas e Alejandro Gándara
Facultade de Filosofía, aula 1
9 de Xullo de 2026
|
12:00

Alejandro Gándara Porteiro. Baio, 1993.

Graduado en Xornalismo pola USC e Máster en Produción Executiva Audiovisual (MPXA) pola UDC.

Comecei no audiovisual vinculado a proxectos de corte xornalístico e cultural, e co paso dos anos funme achegando ao cinema documental, con especial interese en temas como a transmisión de memoria, a identidade e a relación das persoas co territorio, que abordo desde o traballo con arquivos audiovisuais.

Producín e codirixín a longametraxe Dorothé na Vila, que segue os pasos da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. Tamén codirixín a serie documental de TV Galicia de 20 a 20, sobre as expedicións galegas da fotógrafa Ruth Matilda Anderson. En 2025 estreei a longametraxe documental 360 Curvas, realizada xunto con Ariadna Silva, sobre os conflitos sociais acontecidos a comezos dos anos 90 na Fonsagrada.

Os meus traballos participaron en festivais de toda a Península Ibérica, coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, Alcances, Family Film Project, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (Mice), Cineuropa, Novos Cinemas ou Playdoc.

Desde 2024 son o coordinador dos Premios Fouciño, festival de curtametraxes celebrado en Baio, que busca promover o cinema nos centros educa􀀁vos e darlles un impulso aos novos talentos.

Ademais de producir e dirixir os meus propios proxectos, ao longo dos anos traballei na produción e desenvolvemento de formatos de non ficción, redactando e presentando memorias para subvencións e realizando edición de vídeo.

Manuel Lucas Mariño. Compostela, 1997.

Cineasta, músico e docente vinculado ao ámbito audiovisual. A miña carreira desenvólvese entre a creación documental e a música tradicional, combinando distintas disciplinas cunha forte atención á estética e á sensibilidade visual.

Interésame explorar historias esquecidas, a memoria e as inxustizas sociais, así como a relación entre imaxe, son e territorio. Busco que cada proxecto teña unha identidade visual propia, na que as imaxes e a música se conecten de forma auténtica e orgánica.

Nos últimos anos estiven centrado na produción e composición de proxectos musicais de De Ninghures, participando nos discos Aquí (2022) e Feira (2025), este último recoñecido co Premio Martín Códax da Música na categoría folk. Nestes traballos asumín labores de produción, composición e dirección audiovisual.

No ámbito cinematográfico fun director de fotogratia, coprodutor e compositor da banda sonora da longametraxe documental 360 Curvas, realizada xunto con Alejandro Gándara e Ariadna Silva.

Tamén dirixín a curtametraxe documental Carracedo, seleccionada en festivais como o Festival de Cans e o Tehran International Short Film Festival, e os proxectos audiovisuais Na casa deles e Na casa delas, impulsados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Actualmente son docente substituto na Facultade de Comunicación de Pontevedra, dentro do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, onde imparto a materia de Posprodución.

A miña práctica creativa móvese entre o cinema e a música, entendendo ambos os dous ámbitos como espazos complementarios para construír relatos sobre a memoria, a identidade e o mundo contemporáneo.

O caso de 360 curvas. Unha achega crítica á representación do rural galego no audiovisual

O rural galego adoita aparecer no audiovisual e nos medios de comunicación a través dunha serie de imaxes recorrentes: a paisaxe idílica, a tradición, o folclore, o misticismo, a nostalxia e os tópicos humorísticos. Pero tamén a través doutros estereotipos menos visibles: a idea de que a poboación rural é necesariamente conservadora, resistente ao cambio, pouco reivindicativa ou allea aos debates contemporáneos.

Nesta conferencia, os cineastas Alejandro Gándara Porteiro e Manuel Lucas Mariño reflexionarán sobre como estas representacións condicionan a percepción social do rural. Partindo da experiencia do proxecto documental 360 Curvas, abordarán o proceso de construción dunha ollada sobre o territorio que supere a presentación do rural como un espazo homoxéneo, inmóbil e alleo aos conflitos sociais e políticos.

A través de exemplos prácticos e da análise de distintos discursos audiovisuais, a conferencia propoñerá unha reflexión sobre a necesidade de construír relatos máis complexos e honestos, capaces de mostrar a diversidade, as contradicións e a capacidade de organización e transformación que existen no rural galego contemporáneo.