O primeiro monumento da literatura galega son as cantigas medievais. Os “Cantares Gallegos” de Rosalía son o gran referente do Rexurdimento. Cantigas e cantares. Non obstante, a música sempre estivo ausente nas clases de literatura. En 1999 Luísa Villalta publicou “O outro lado da música, a poesía”, libro-referente, onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si ambas as dúas artes. Seguindo o seu método, penetramos na selva vizosa da música galega contemporánea para procurar esa unidade primixenia. E buscámola especialmente nas marxes, territorios case invisíbeis para o gran público, onde medra cada día o poder da creatividade.

Xurxo Souto é comunicador, cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en Filoloxía Clásica. Personaxe moi popular como vocalista da banda de rock Os Diplomáticos de Monte-Alto, e por ser un gran difusor da música galega de agora e sempre. Ademais de ter cinco libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións. Comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega. Desde outubro de 2005 até abril de 2009 foi Director de Programas desta emisora. Formou o grupo musical Os 3 Trebóns, e máis recentemente a Banda Xangai. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira. Escribiu varios libros de poemas, narrativa e ensaio coma os títulos da colección Chave Mestra: “Pazos de Merexo. O acordeón na Costa da Morte” e “Sindo de Olelas, concertina galega”. Neste 2024 está a presentar o seu último libro “Somos un pobo de artistas”.