Álvaro Gago participou este martes nos XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” cun relatorio no que introduciu o alumnado na historia do cinema galego e compartiu reflexións sobre o proceso de creación a partir da súa propia obra. O cineasta vigués estreou internacionalmente a súa primeira longametraxe, Matria (2023), na 73 edición da Berlinale e a nivel estatal no 26 Festival de Málaga, onde recibiu os premios á mellor ópera prima e mellor actriz para María Vázquez. A lingua, coma nas súas obras anteriores, é parte fundamental da narración, ambientada no Salnés. «Teño querenza e desexo por deixar reflectidas certas voces, a musicalidade das palabras, as expresións, son algo que me fascina. Matria distribuíuse en todo o Estado con sesenta copias, podería chegar ás cen se apostase pola versión dobrada, pero iso sería quitarlle a alma porque da lingua emana unha maneira de estar no mundo, de moverse», expresou o creador.
Os XXXIIII Cursos de lingua e cultura galegas, organizados pola Real Academia Galega en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, reúnen na capital galega do 3 ao 24 de xullo estudantes de galego procedentes dunha vintena de países de Europa, América e Asia. As aulas sobre lingua, cultura e historia galegas complétanse con obradoiros, visitas e unha serie de relatorios impartidos por distintas personalidades que desenvolven o seu labor creador en galego.
Os alumnos e alumnas escoitaron a Álvaro Gago dentro do calendario de palestras, días despois de acudiren a unha proxección especial de Matria en Numax. O cineasta foi selecionado pola revista Variety en 2019 como un dos talentos españois aos que seguir e por Screen International en 2021 como unha “estrela de mañá”. Formouse en comunicación e música en Galicia, teatro en Chicago e cinema na London Film School, na que se graduou no ano 2013 coa curtametraxe Curricán, rodada en Vilanova de Arousa. «Supoño que para min o cinema sempre foi unha escusa para estar preto da miña terra, permitíame regresar», reflexionou a propósito desta produción durante a súa conferencia.
En 2017 chegou a estrea da curtametraxe Matria, candidata aos Goya 2019 e gañadora de máis de setenta premios, entre eles o Mestre Mateo 2018 e o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018. O filme, precursor da longametraxe do mesmo nome, protagonízao Francis, a muller que traballou durante anos coidando do avó do director. A súa última curtametraxe, 16 de decembro, estreouse no Festival de Locarno 2019, foi candidata aos Goya 2021 e gañadora do Mestre Mateo 2020. Actualmente Álvaro Gago desenvolve a súa segunda longametraxe de ficción, Porto Alegre, no marco do programa Rueda da Academia do Cine Español.
‘Matria’
Tanto a curta Matria como a longametraxe homónima constitúen unha homenaxe ás mulleres que, coma Francis, levan ás costas as familias, dende unha perspectiva que rexeita a «falsa asociación» que en moitas ocasións as considera mulleres poderosas, «cando en realidade están totalmente sometidas».
No caso da longametraxe, a protagonista é Ramona, unha muller de 42 anos de vida precaria no laboral e no persoal. Nun primeiro momento, o guión tiña unha carga social e política máis acentuada, pero pouco a pouco Álvaro Gago optou por ir rebaixándoa a favor da historia íntima e persoal de Ramona, sobre o seu proceso de toma de conciencia do lugar que ocupa no mundo, que a levará finalmente a rachar con todo. Esta perspectiva contribúe -valora Gago- á recepción internacional do relato, a que «as ramonas berlinesas» e de calquera outra parte do mundo se identifiquen con ela. «Fixen esta película para que calquera muller se recoñeza nela e, sobre todo, para contribuír a crear esa reflexión que propicie máis revolucións como a de Ramona», engadiu.
Álvaro Gago tamén se referiu a aspectos éticos relacionados coa gravación dunha película. «Dende a rodaxe de Matria, empezo a ser moi consciente da ética que hai detrás da produción. Preocúpame en que se gasta o orzamento, a quen se lle paga, para que a propia película non pase por riba da xente que a está facendo. Hai ademais un proceso de creación que empeza a se colectivizar. Francis e os veciños de Vilanova de Arousa fixeron moitísimas achegas. E tamén empezo a pensar que podemos facer para reducirmos o impacto do desembarco dun equipo de rodaxe nunha vila, que altera moito a vida. Ten que quedar algo na comunidade. No meu caso ofrecín clases de cinema aos nenos unha fin de semana como agradecemento a toda a xenerosidade que recibín. Quizais isto contribúa a que sintan certo orgullo de pertencer a onde pertencen, de ser quen son», contou.