Palestras 2023

MARILAR ALEIXANDRE
6 de xullo. 12.00 h. Aula 4 da Facultade de Filosofía
Narradora, poeta, tradutora, feminista. Durante moitos anos dúas voces lidaron na súa gorxa ameazando con esganala, os escritos sobre pensamento crítico e argumentación nas aulas de ciencias –foi catedrática de didáctica das ciencias na USC– e a literatura. En 2022 acadou o Premio Nacional de Narrativa pola novela As malas mulleres (Galaxia, 2021), antes premio Blanco Amor, traducida ao castelán, catalán e euskera. En 2021 publicou, con María López Sández Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (Galaxia). Talvez por ter a lingua partida a súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, Xerais; e Desescribindo, Apiario), e animais rebeldes (Ovella descarreirada Xerais, 2014). Acadou premios de poesía, o Esquío 1998 por Catálogo de velenos, o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas, reescrita feminista das Metamorfoses, estes xunto con Abecedario de árbores (2006), reeditados como Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017). Adora escribir relatos como os d’O coitelo en novembro (Xerais 2010) ou Lobos nas illas (Xerais, 1996; en castelán Lobos en las islas, Arde, 2022). En narrativa xuvenil A expedición do Pacífico (1995), A cabeza de Medusa (2008), sobre a violación social que segue á física, en inglés Head of Medusa (Small Station Press, 2019) ou A filla do minotauro (2018). En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega.

Dialogando con Rosalía nun mudo coro: As malas mulleres

Escribo sobre a violencia social, a exercida sobre colectivos, sobre grupos sociais amplos e que con frecuencia é invisible. A literatura pode escarvar no pozo da desmemoria para revelar vidas de persoas que non importaron a ninguén. A novela As malas mulleres segue a vida das presas no cárcere da Galera, na Coruña, entre 1863 e 1865, a través dunha rapaza, Sisca, personaxe de ficción baseado nunha traxedia ocorrida en 1953. Concepción Arenal e Juana de Vega ensinaban a ler ás presas até prohibírllelo o alcaide. Como facer falar a mulleres sen voz? Nos capítulos de “O mudo coro das malas mulleres” toman prestada a voz de Rosalía de Castro que cantou a vida e as penas das mulleres dun modo que as mulleres –e non só– fixeron seu. Atrevinme a imaxinar mágoas só entrevistas nos poemas de Rosalía. Tamén podería chamarse “O coro das lobas” pois Pepa a Loba estaba presa na Galera neses anos.

ÁLVARO GAGO
11 de xullo. 12.00 h. Aula 4 da Facultade de Filosofía
Seleccionado por Variety en 2019 como un Spanish talent to track e por Screen International en 2021 como unha Star of Tomorrow. Álvaro Gago (Vigo, 1986) estuda comunicación e música en Galicia, teatro en Chicago e cinema na London Film School, na que se gradúa no 2013 coa curta Curricán.
No 2017 dirixe Matria, curtametraxe candidata aos Goya 2019 e gañadora de máis de setenta premios, entre eles o Mestre Mateo 2018 e o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018. A súa última curtametraxe, 16 de decembro, candidata aos Goya 2021 e resultou gañadora do Mestre Mateo 2020, estréase no Festival de Locarno 2019.
A súa primeira longametraxe, titulada Matria como a curta, ten a súa estrea internacional na sección Panorama da 73ª edición da Berlinale e nacional na 26ª edición do Festival de Málaga, onde recibe o premio á Mellor Ópera Prima e Mellor Actriz para María Vázquez.
Actualmente está a desenvolver a súa segunda longametraxe de ficción, Porto Alegre, no marco do programa Rueda da Academia do Cine Español.

Cultivar o tesouro da diferenza

Iníciase este encontro cun breve repaso da historia do cinema galego, desde o seu nacemento ata a actualidade.
Nunha segunda parte, xa con filmes propios, abordarase diferentes cuestións do proceso de creación dunha obra cinematográfica.

MALORES VILLANUEVA
13 de xullo. 12.00 h. Aula 4 da Facultade de Filosofía
Malores Villanueva Gesteira (A Xesteira, Cotobade, 1982) é profesora, tradutora, editora, crítica literaria e doutora en Filoloxía Galega pola USC coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. É autora dos libros Lingua e sociedade, a aldea da Xesteira (2006) e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de Investigación e do Premio novos investigadores, respectivamente. Como crítica literaria, ademais de recensións en diferentes revistas, participou semanalmente no programa Chamando á terra da RG e, na actualidade, colabora no suplemento cultural Fugas, de La Voz de Galicia, e no programa ZigZag da TVG. Publicou artigos en volumes colectivos e revistas especializadas e é autoras das biografías Antonio Fraguas, mestre da memoria (2019) e Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (2022). É Padroeira e secretaria da Fundación Penzol e da Fundación Premios da Crítica.

Un país, unha lingua, unha celebración. Sesenta anos do Día das Letras Galegas

O 17 de maio de 1963 celebrouse por vez primeira o Día das Letras Galegas, unha conmemoración que cumpre seis décadas e que foi medrando en recoñecemento. Somos un país que ten como día grande a festa da cultura en idioma propio e que, durante a ditadura franquista, soubo crear empresas e iniciativas para manter a cultura e a lingua galegas vivas. Sen as iniciativas deses galeguistas de alén e aquén mar hoxe a nosa historia sería outra.

MARÍA OBELLEIRO
18 de xullo. 12.00 h. Aula 4 da Facultade de Filosofía
María Obelleiro Hermida (Soutomaior, 1985) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais de ser graduada en Educación Primaria, mestrado en Protocolo e mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Linguas. Comezou a súa traxectoria xornalística no histórico semanario A Nosa Terra e, tras dirixir a publicación Sermos Galiza, foi nomeada directora de Nós Diario, cargo que desenvolve desde xaneiro de 2020. Especialista en xornalismo en Igualdade, colabora con medios de comunicación como a Radio Galega, o medio euskaldun Berria e o medio catalán Vilaweb. Colaboradora na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades durante cinco anos, obtivo o premio Johán Carballeira de Xornalismo.

Medios e lingua galega: Por que non?

O galego conta hoxe cunha presenza moi reducida na prensa escrita. Tan só un dos medios diarios en papel entre a decena de cabeceiras que se imprimen en Galicia está redactado en lingua galega. Ademais, só é posíbel escoitar, de norte a sur, e de leste a oeste do país, unha soa emisora en lingua galega, a radio pública. O mesmo acontece coa televisión. Por que o galego fica cinguido a medios dixitais? Por que non logra penetrar no resto de medios de comunicación se existe un público potencial? En galego, por que non? Analizamos os retos do galego nos medios de comunicación.

FINA CASALDERREY
20 de xullo. 12.00 h. Aula 4 da Facultade de Filosofía
Fina Casalderrey (Xeve. Pontevedra, 1951). A creación literaria, o fomento da lectura, a etnografía, a gastronomía, o teatro escolar, os guións cinematográficos… conforman a súa traxectoria.
Os seus libros foron traducidos a todas as linguas do Estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, italiano, portugués, francés, inglés, córnico, serbio e chinés.
Na súa extensa carreira literaria obtivo múltiples premios e recoñecementos. Ademais de conseguir en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, acadou, entre outros, os premios Merlín en 1991, Barco de Vapor en 1994, Edebé en 1996, a Medalla Castelao en 2003 e o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras en 2015. Foi candidata ao Premio Astrid Lindgren en 2009 e 2011.
Neste 2023 foi de novo proposta para o Premio Astrid Lindgren, distinguida como ESCRITORA NA SÚA TERRA pola AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) e elixida pola OEPLI como candidata española ao premio internacional Hans Chistian Andersen 2024, o Nobel de LIX, polo conxunto da súa obra.
Foi mestra. É numeraria da Real Academia Galega.
Para saber máis: http://fina.casalderrey.com.

Letras con sabores e recendos.

A literatura é coma o sal, que utilizado nas proporcións axeitadas reforza os sabores. Literatura é gastronomía forman un binomio perfectamente relacionado. En múltiples ocasións a literatura bota man de símiles gastronómicos para contar, imaxinar, crear mundos… A gastronomía apóiase cada vez máis na literatura para lles poñer alma aos seus pratos. A literatura mostra os sabores, os recendos… da palabra cociñada a lume maino; asemade, a gastronomía é a lectura sublime das posibilidades dos produtos alimenticios. Talvez o primeiro punto en común entre ambas sexa a súa data de nacemento: ambas as dúas naceron co ser humano coma unha necesidade.
En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas univitelinas que ata sufriron xuntas o menosprezo e o silencio. Hoxe, dende as feridas, dáse unha eclosión de ambas, favorecida polo contexto socio-cultural. A arte tamén precisa de medios para sobrevivir. Trataremos de facer un percorrido un tanto aleatorio por algúns dos trazos comúns entre estas dúas ramas da arte.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA