Fina Casalderrey: “En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas. Sufriron xuntas o menosprezo e hoxe dáse unha eclosión de ambas”

NovasComentarios desactivados en Fina Casalderrey: “En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas. Sufriron xuntas o menosprezo e hoxe dáse unha eclosión de ambas”

Bo momento para as letras galegas e tamén para a cociña do país, que forman, afirma a autora, un binomio perfectamente relacionado. “A literatura é coma o sal, reforza os sabores. En múltiples ocasións bota man de símiles gastronómicos para contar, imaxinar, crear mundos, e a gastronomía apóiase cada vez máis na literatura para lles poñer alma aos seus pratos. A literatura mostra os sabores, os recendos da palabra cociñada a lume maino; do mesmo modo, a gastronomía é a lectura sublime das posibilidades dos produtos alimenticios”, engade a autora.

Fina Casalderrey pechou este mediodía o calendario de relatorios dos cursos que organizan a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, que reúnen do 3 ao 24 de xullo na capital galega estudantes procedentes dunha vintena de países. Na súa intervención detívose nalgúns trazos comúns entre “estas dúas ramas da arte”, dende as coplas populares que reflicten a tradición gastronómica do país (O mércores hei cocer, / o venres hei amasar, / hei comer bola quente / cuarta feira ao xantar) á pegada culinaria nas grandes obras das nosas letras. “Da popularidade da proia (bola de millo) de Pontedeume ou do fígado encebolado dannos conta algúns versos de Cantares gallegos de Rosalía de Castro: Canta, meniña / con brando compás / dareiche unha proia / da pedra do lar; Fígado con cebola ben frixida / Y unha folliña de laurel cheirosa / Qu’inda á un morto dera vida / De tan rica, tan tenra, tan sobrosa…”, pon como exemplo.

A gastronomía tamén se nutre á súa vez da literatura, na que atopa pistas valiosas para recompoñer o seu pasado, cando a alta cociña e os libros eran propiedade exclusiva dos mosteiros e dos nobres. A tesoureira da RAG chama ademais a atención sobre a relación da arte da boa cociña con outras expresións creativas coma a escultura, historicamente unha poderosa linguaxe narrativa para o pobo analfabeto. “O profesor Serafín Moralejo, no seu libro O Pórtico da Gloria contado a mozos e nenos, insinúa que o que quixo representar o Mestre Mateo (s. XII) nunha das escenas foi un condenado larpeiro, obrigado a comer unha empanada de xoubas con espiñas eternamente”, lembra.

Fina Casalderrey compartiu por último reflexións sobre a escrita para o público máis novo, que require -salienta- un traballo de síntese especial: “Os comedores de nécoras saben que para levar un pouco de carne rica á boca hai que facer moitas cascas. Os especialistas en literatura infantil saben da sutil economía da linguaxe, onde cada palabra significa máis”. A súa propia obra é boa proba da efectividade desta receita. Títulos como A avoa non quere comer demostran asemade que a cociñar e comer poden ser actos, igual cá literatura, auténticas demostracións de amor.

Embaixadores da cultura galega
Despois de tres anos de obrigada interrupción pola pandemia, a Real Academia Galega e o ILG retomaron este ano a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, polos que xa pasaron, dende a súa creación en 1988, preto de 3000 estudantes de todo o mundo que actúan como embaixadores da cultura de noso. A trixésimo terceira edición, organizada co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, será clausurada o luns 24 de xullo na Facultade de Filosofía da USC.

Non se permiten comentarios.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA