María Álvarez de la Granja
María Álvarez de la Granja é Profesora Titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, secretaria do Instituto da Lingua Galega e coordinadora do seu grupo de investigación Filoloxía e lingüística galega. A súa investigación oriéntase sobre todo cara ao léxico, a lexicografía, a semántica e a fraseoloxía. Entre as súas publicacións destacan os libros As locucións verbais galegas e Léxico dispoñible do galego, este último en coautoría con Belén López Meirama. Participou, ademais, como coordinadora ou como membro do equipo, na creación de varios recursos dixitais en aberto, entre eles o Dicionario de dicionarios do galego medieval, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, Patrimonio léxico da Gallaecia ou Cortegal. Corpus de textos escritos por estudantes no ámbito académico.
Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega
É habitual afirmar que as unidades fraseolóxicas constitúen o compoñente máis idiosincrático das linguas, polo seu papel transmisor de valores propios de cada sociedade e de cada cultura. Nesta conferencia, tomando como referencia a fraseoloxía do galego, tentaremos xustificar, con razóns de diferente tipo, o porqué desta afirmación, ao mesmo tempo que amosaremos e explicaremos a existencia de elementos fraseolóxicos compartidos con outras linguas e culturas. Na conferencia tamén presentaremos algunhas das publicacións e recursos que poden empregar as persoas interesadas en coñecer e utilizar a fraseoloxía do galego.
Berta Dávila
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é novelista e poeta. Recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (Xerais, 2013) e a novela Carrusel (Galaxia, 2019). É tamén autora de O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013), Premio Repsol de Narrativa Breve, premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción e adaptada como novela gráfica. Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao italiano e ao inglés. A súa última novela é A ferida imaxinaria (Xerais 2024).
Escribir libros aquí e hoxe
Un percorrido pola experiencia de escribir e editar libros na procura de deitar algúns apuntamentos sobre os condicionamentos e os lugares de enunciación da literatura galega actual.
Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) Catedrático de Historia Contemporánea. Depto. de Historia. USC. Director do CISPAC e Presidente da SEHA, Académico da RAG
Profesor convidado nas universidades de Princeton, CUNYe Cork.
A súa investigación centrouse na historia agraria e social do mundo rural contemporáneo así como noutra liña relacionada co golpe de 1936, guerra e ditadura.
Coordina o grupo de investigación https://histagra.usc.es/gl e coordinou o proxecto de investigación www.nomesevoces.net. Entre as investigacións recentes en historia aplicada: Laboratorio Ecosocial do Barbanza
Entre os seus últimos libros:
- -Agriculture in the Age of Fascism, Brepols. (con J. Pan y M. Cabo), 2014
- -Otras miradas sobre golpe, guerra y dictadura, La Catarata (con A. Artiaga), 2014
- -Historia de la guerra contada por dos hermanas. Memorias de las hermanas García del Real. (& G. Hervella), Comares. Granada. 2018
- -Golpistas e Verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, (& Míguez) Galaxia, 2018.
- -1936: un nuevo relato, PUZ, Zaragoza, 2020 (con Miguez y Vilavedra)
- -Á volta do tempo. Estudos de Historia Contemporánea, (con Artiaga; Balboa; e Rico Boquete, E.) Vigo, Xerais, 2021
Outra cara da emigración contemporánea: a Galicia moderna feita en América
A intención é analizar o fenómeno migratorio galego desde outra perspectiva á habitual.
Rosalía Fernández Rial
Rosalía Fernández Rial (1988) é filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC. Como poeta publicou: En clave de sol (Lumieira, 2009), Átonos (Lumieira, 2011), Un mar de sensacións (Semescom, 2012), Vinte en escena (Ed. Positivas, 2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas, 2014), a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016), Contra-acción (2016), Árbores no deserto (Galaxia, 2020), Desnortada (Espiral Maior, 2021) e o seu último traballo, De centeo e durmideiras/De centeno y adormideras (Cuatro lunas, 2024). Cada un destes títulos levounos á escena con propostas diversas nas que a literatura e a dramaturxia convivían con outras artes como a música e a plástica.
No ámbito do relato curto destaca Bonus track (Galaxia, 2018), onde os contos se mesturan con letras de cancións. E, en canto ao ensaio, sobresae Aulas sen paredes (Ed. Positivas, 2016) Premio á mellor iniciativa bibliográfica da Gala do Libro Galego en 2017 e o recente Mover ficha (Galaxia, 2024), onde se actualizan as propostas didácticas desde a investigación-acción das aulas de lingua e literatura.
Na literatura dramática cómpre citar a proposta “A lúa, válvula de spray” (2020) producida polo FIOT e LIDISS no marco do FiotFónico e o recente VII Premio Vidal Bolaño 2024 coa obra Fóra de campo, que verá a luz a final do presente ano 2024.
No ámbito da música, publicou dous traballos dentro da formación ELO, o CD Desnortada vinculado ao libro co mesmo título e o EP De centeo e durmideiras. Ademais, colaborou co acordeón nos dous últimos discos do grupo Chicharrón; “Unha fogueira intacta” e, sobre todo, “Erosión”, “O que nos queda por non dicir” e o EP que sairá a final de ano “Vitoria”.
Actualmente traballa como profesora de ensino secundario impartindo aulas de lingua e literatura e continúa a desenvolver proxectos artísticos de carácter interdisciplinar.
Desnortadas: rumbo á poesía
A poesía cartografa o insondable, por iso non transita rutas coñecidas. Nesta intervención, abordarase o poético desde o diálogo con outras artes, seguirase o ronsel de creadoras precedentes, navegaranse océanos intertextuais pero non se fará desde unha perspectiva lineal.
Nun rizoma hipertextual, singraranse símbolos literarios e artísticos desde unha visión interdisciplinar e reflexionando sobre a importancia da poesía no marco das treboadas inclementes da sociedade actual.
Montse Pena Presas
Montse Pena Presas é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Galega e Máster en Edición, doutorouse en Filoloxía pola USC coa tese “Feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil: historia crítica e aplicación didáctica”, que dirixiron os profesores Dolores Vilavedra e Bieito Silva. A súa investigación está centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Así, ten publicadas dúas monografías sobre esta cuestión: a biografía de María Victoria Moreno, A voz insurrecta (2018, Galaxia) e a obra Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (2018, Laiovento). Ademais de dous volumes divulgativos sobre Roberto Vidal Bolaño e Xela Arias, acaba de editar dúas obras colectivas arredor da figura de Luísa Villalta: Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta (2024, USC), xunto coa profesora María Xesús Nogueira, e Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta (2024, Laiovento), en colaboración con Mercedes Queixas. Ademais de numerosos artigos en revistas de investigación, foi crítica literaria en medios como Faro de Vigo, Sermos Galiza, Grial ou a Radio Galega.
Tal multitude que fomos: un achegamento á polifacecia creativa de Luísa Villalta
Villalta foi unha creadora polifacética: dende a música como pano de fondo, como intérprete de violino, cultivou todos os xéneros literarios á vez que reflexionou sobre eles. A pesar de que a autora pasou á historia da literatura fundamentalmente como poeta, cómpre (re)descubrir tamén a súa actividade como dramaturga e narradora. Comprometida coas causas do seu tempo (o non á guerra, a defensa do pobo Palestino e o Nunca Máis, entre outras), a súa actividade como columnista no xornal A Nosa Terra achega numerosas claves que permiten desvelar, a partir do seu pensamento, á autora homenaxeada coas Letras Galegas 2024 dende múltiples perspectivas.