Saltar ao contido

Malores Villanueva

Malores Villanueva
Aula 4 da Facultade de Filosofía
13 de Xullo de 2023
|

Malores Villanueva Gesteira (A Xesteira, Cotobade, 1982) é profesora, tradutora, editora, crítica literaria e doutora en Filoloxía Galega pola USC coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. É autora dos libros Lingua e sociedade, a aldea da Xesteira (2006) e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de Investigación e do Premio novos investigadores, respectivamente. Como crítica literaria, ademais de recensións en diferentes revistas, participou semanalmente no programa Chamando á terra da RG e, na actualidade, colabora no suplemento cultural Fugas, de La Voz de Galicia, e no programa ZigZag da TVG. Publicou artigos en volumes colectivos e revistas especializadas e é autoras das biografías Antonio Fraguas, mestre da memoria (2019) e Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (2022). É Padroeira e secretaria da Fundación Penzol e da Fundación Premios da Crítica.

Un país, unha lingua, unha celebración. Sesenta anos do Día das Letras Galegas

O 17 de maio de 1963 celebrouse por vez primeira o Día das Letras Galegas, unha conmemoración que cumpre seis décadas e que foi medrando en recoñecemento. Somos un país que ten como día grande a festa da cultura en idioma propio e que, durante a ditadura franquista, soubo crear empresas e iniciativas para manter a cultura e a lingua galegas vivas. Sen as iniciativas deses galeguistas de alén e aquén mar hoxe a nosa historia sería outra.

María Obelleiro

María Obelleiro
Aula 4 da Facultade de Filosofía
18 de Xullo de 2023
|
12:00

María Obelleiro Hermida (Soutomaior, 1985) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais de ser graduada en Educación Primaria, mestrado en Protocolo e mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Linguas. Comezou a súa traxectoria xornalística no histórico semanario A Nosa Terra e, tras dirixir a publicación Sermos Galiza, foi nomeada directora de Nós Diario, cargo que desenvolve desde xaneiro de 2020. Especialista en xornalismo en Igualdade, colabora con medios de comunicación como a Radio Galega, o medio euskaldun Berria e o medio catalán Vilaweb. Colaboradora na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades durante cinco anos, obtivo o premio Johán Carballeira de Xornalismo.

Medios e lingua galega: Por que non?

O galego conta hoxe cunha presenza moi reducida na prensa escrita. Tan só un dos medios diarios en papel entre a decena de cabeceiras que se imprimen en Galicia está redactado en lingua galega. Ademais, só é posíbel escoitar, de norte a sur, e de leste a oeste do país, unha soa emisora en lingua galega, a radio pública. O mesmo acontece coa televisión. Por que o galego fica cinguido a medios dixitais? Por que non logra penetrar no resto de medios de comunicación se existe un público potencial? En galego, por que non? Analizamos os retos do galego nos medios de comunicación.

Fina Casalderrey

Fina Casalderrey
Aula 4 da Facultade de Filosofía
20 de Xullo de 2023
|
12:00

Fina Casalderrey (Xeve. Pontevedra, 1951). A creación literaria, o fomento da lectura, a etnografía, a gastronomía, o teatro escolar, os guións cinematográficos… conforman a súa traxectoria.
Os seus libros foron traducidos a todas as linguas do Estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, italiano, portugués, francés, inglés, córnico, serbio e chinés.
Na súa extensa carreira literaria obtivo múltiples premios e recoñecementos. Ademais de conseguir en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, acadou, entre outros, os premios Merlín en 1991, Barco de Vapor en 1994, Edebé en 1996, a Medalla Castelao en 2003 e o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras en 2015. Foi candidata ao Premio Astrid Lindgren en 2009 e 2011.
Neste 2023 foi de novo proposta para o Premio Astrid Lindgren, distinguida como ESCRITORA NA SÚA TERRA pola AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) e elixida pola OEPLI como candidata española ao premio internacional Hans Chistian Andersen 2024, o Nobel de LIX, polo conxunto da súa obra.
Foi mestra. É numeraria da Real Academia Galega.
Para saber máis: http://fina.casalderrey.com.

Letras con sabores e recendos

A literatura é coma o sal, que utilizado nas proporcións axeitadas reforza os sabores. Literatura é gastronomía forman un binomio perfectamente relacionado. En múltiples ocasións a literatura bota man de símiles gastronómicos para contar, imaxinar, crear mundos… A gastronomía apóiase cada vez máis na literatura para lles poñer alma aos seus pratos. A literatura mostra os sabores, os recendos… da palabra cociñada a lume maino; asemade, a gastronomía é a lectura sublime das posibilidades dos produtos alimenticios. Talvez o primeiro punto en común entre ambas sexa a súa data de nacemento: ambas as dúas naceron co ser humano coma unha necesidade.
En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas univitelinas que ata sufriron xuntas o menosprezo e o silencio. Hoxe, dende as feridas, dáse unha eclosión de ambas, favorecida polo contexto socio-cultural. A arte tamén precisa de medios para sobrevivir. Trataremos de facer un percorrido un tanto aleatorio por algúns dos trazos comúns entre estas dúas ramas da arte.

Antón Reixa

Antón Reixa
Facultade de Filosofía
8 de Xullo de 2019
|

Escritor, creador audiovisual, músico (cantante e letrista, fundamentalmente co grupo Os Resentidos). Exerceu como profesor de lingua e literatura galegas na secundaria. Dirixiu e presentou programas de radio. Comezou o traballo literario como membro fundador do grupo Rompente. Impartiu conferencias e masterclasses en universidades e centros culturais. Ten participado en numerosos recitais cos seus propios poemas. Foi o máximo responsable da produtora Videoesquimal. Presidiu a produtora Filmanova e as súas filiais entre 1999 e 2017. Foi presidente do Clúster Audivisual de Galicia e da SGAE.Actualmente traballa na filmoteca de Galicia (CGAI), en comisión de servizos para AGADIC. Colabora en Luzes e no faladoiro do programa de radio de Julia Otero. Continúa co seu traballo literario e de letrista, amais de colaboracións en prensa e para outros proxectos audiovisuais.

A produción audiovisual como promoción da normalización lingüística

A finais da década dos 70 comezou unha emisión diaria en galego de TVE. O impacto de ver/escoitar galego na televisión foi grande, sobre todo en rexistros ata daquela inéditos. En 1985 inaugúrase a TVG. Isto supoñería 24 horas de emisión en galego.

O relator analizará o efecto destas emisións e da produción independente de cinema no proceso de normalización e na implantación das novas formas que propuña o novo estándar para o idioma. Mención á parte van merecer o impacto destas emisións no público infantil e na identidade colectiva a efecto de recoñecemento xeográfico do país.