Saltar ao contido

Antonio Reigosa

Antonio Reigosa
Facultade de Filosofía
17 de Xullo de 2025
|
12:00

Antonio Reigosa

Zoñán-Mondoñedo, 1958.

Cronista oficial de Mondoñedo. Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e literatura de tradición oral galega. Creador e mantedor desde 2005 da enciclopedia virtual da fantasía popular ‘Galicia Encantada’ (www.galiciaencantada.com).

Autor de libros infanto-xuvenís, de contos e lendas, álbums e ensaios en coautoría con X. Miranda e X. R. Cuba como o Dicionario dos seres míticos galegos (1999), Contos colorados (2001) e a colección Cabalo buligán (1998-2004). Recibiu premios como o Merlín 1998, Raíña Lupa 2000, Frei Martín Sarmiento 2003, Irmandade do libro 2013 e Follas Novas do Libro Galego 2021.

As palabras ditas: Literatura para os sentidos

Celebremos a oralidade. O que se di, o que se conta e o que se canta. Na oralidade habita a lingua e con ela o nome de todas as emocións posibles. Falaremos diso e coñeceremos unhas cantas persoas singulares que nos deixaron en herdo o máis valioso tesouro: todo o seu saber.

Ana I. Boullón

Ana I. Boullón
Facultade de Filosofía
22 de Xullo de 2025
|
12:00

Catedrática de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela. A súa actividade investigadora está centrada na onomástica, na edición de textos (especialmente medievais) e na lexicografía. Vinculada ó Instituto da Lingua Galega (USC) desde 1985, forma parte do seu comité científico e é responsable da súa Sección de Onomástica, onde  realizou, xunto con Xulio Sousa, a web Cartografía dos Apelidos de Galicia, por encargo da RAG. Tamén participou na  aplicación Diccionario de dicionarios do galego medieval (DDGM) e coordinaou a Guía dos nomes galegos e a Guía dos apelidos galegos da RAG. Actualmente coordina o Dicionario de apelidos galegos (de próxima aparición), e lidera o Toponomasticon Hispaniae (toponhisp.org), un proxecto de investigación coordinado que consta de seis subproxectos con preto de 60 investigadores de toda a península ibérica. Forma parte do equipo directivo da Asociación Galega de Onomástica (Santiago de Compostela) e é membro numerario e secretaria da Real Academia Galega.

Sobre a historia e o presente dos nomes e apelidos en Galicia

A antroponimia persoal en Galicia ten as súas raíces na Idade Media. Nesta exposición faremos un percorrido pola xestación dos nosos nomes apelidos: como se formaron? de que están compostos? cales son os máis frecuentes? como mudaron os nomes ó longo dos séculos? por que en Galicia temos dous apelidos? Finalmente, comentarase a situación sociolingüística que implicou a castelanización despois da Idade Media (parcial nos apelidos, case total nos nomes) e as formas coas que hoxe contamos para restaurala.

María Álvarez de la Granja

María Álvarez de la Granja
Aula 4 da Facultade de Filosofía
4 de Xullo de 2024
|
12:00

María Álvarez de la Granja é Profesora Titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, secretaria do Instituto da Lingua Galega e coordinadora do seu grupo de investigación Filoloxía e lingüística galega. A súa investigación oriéntase sobre todo cara ao léxico, a lexicografía, a semántica e a fraseoloxía. Entre as súas publicacións destacan os libros As locucións verbais galegas e Léxico dispoñible do galego, este último en coautoría con Belén López Meirama. Participou, ademais, como coordinadora ou como membro do equipo, na creación de varios recursos dixitais en aberto, entre eles o Dicionario de dicionarios do galego medieval, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, Patrimonio léxico da Gallaecia ou Cortegal. Corpus de textos escritos por estudantes no ámbito académico.

Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega

É habitual afirmar que as unidades fraseolóxicas constitúen o compoñente máis idiosincrático das linguas, polo seu papel transmisor de valores propios de cada sociedade e de cada cultura. Nesta conferencia, tomando como referencia a fraseoloxía do galego, tentaremos xustificar, con razóns de diferente tipo, o porqué desta afirmación, ao mesmo tempo que amosaremos e explicaremos a existencia de elementos fraseolóxicos compartidos con outras linguas e culturas. Na conferencia tamén presentaremos algunhas das publicacións e recursos que poden empregar as persoas interesadas en coñecer e utilizar a fraseoloxía do galego.

Berta Dávila

Berta Dávila
Aula 1 da Facultade de Filosofía
9 de Xullo de 2024
|
12:00

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é novelista e poeta. Recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (Xerais, 2013) e a novela Carrusel (Galaxia, 2019). É tamén autora de O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013), Premio Repsol de Narrativa Breve, premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción e adaptada como novela gráfica. Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao italiano e ao inglés. A súa última novela é A ferida imaxinaria (Xerais 2024).

Escribir libros aquí e hoxe

Un percorrido pola experiencia de escribir e editar libros na procura de deitar algúns apuntamentos sobre os condicionamentos e os lugares de enunciación da literatura galega actual.