Saltar ao contido

Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial
Aula 1 da Facultade de Filosofía
16 de Xullo de 2024
|
12:00

Rosalía Fernández Rial (1988) é filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC. Como poeta publicou: En clave de sol (Lumieira, 2009), Átonos (Lumieira, 2011), Un mar de sensacións (Semescom, 2012), Vinte en escena (Ed. Positivas, 2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas, 2014), a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016), Contra-acción (2016), Árbores no deserto (Galaxia, 2020), Desnortada (Espiral Maior, 2021) e o seu último traballo, De centeo e durmideiras/De centeno y adormideras (Cuatro lunas, 2024). Cada un destes títulos levounos á escena con propostas diversas nas que a literatura e a dramaturxia convivían con outras artes como a música e a plástica.
No ámbito do relato curto destaca Bonus track (Galaxia, 2018), onde os contos se mesturan con letras de cancións. E, en canto ao ensaio, sobresae Aulas sen paredes (Ed. Positivas, 2016) Premio á mellor iniciativa bibliográfica da Gala do Libro Galego en 2017 e o recente Mover ficha (Galaxia, 2024), onde se actualizan as propostas didácticas desde a investigación-acción das aulas de lingua e literatura.
Na literatura dramática cómpre citar a proposta “A lúa, válvula de spray” (2020) producida polo FIOT e LIDISS no marco do FiotFónico e o recente VII Premio Vidal Bolaño 2024 coa obra Fóra de campo, que verá a luz a final do presente ano 2024.
No ámbito da música, publicou dous traballos dentro da formación ELO, o CD Desnortada vinculado ao libro co mesmo título e o EP De centeo e durmideiras. Ademais, colaborou co acordeón nos dous últimos discos do grupo Chicharrón; “Unha fogueira intacta” e, sobre todo, “Erosión”, “O que nos queda por non dicir” e o EP que sairá a final de ano “Vitoria”.
Actualmente traballa como profesora de ensino secundario impartindo aulas de lingua e literatura e continúa a desenvolver proxectos artísticos de carácter interdisciplinar.

Desnortadas: rumbo á poesía

A poesía cartografa o insondable, por iso non transita rutas coñecidas. Nesta intervención, abordarase o poético desde o diálogo con outras artes, seguirase o ronsel de creadoras precedentes, navegaranse océanos intertextuais pero non se fará desde unha perspectiva lineal.
Nun rizoma hipertextual, singraranse símbolos literarios e artísticos desde unha visión interdisciplinar e reflexionando sobre a importancia da poesía no marco das treboadas inclementes da sociedade actual.

Montse Pena Presas

Montse Pena Presas
Aula 1 da Facultade de Filosofía
18 de Xullo de 2024
|
12:00

Montse Pena Presas é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Galega e Máster en Edición, doutorouse en Filoloxía pola USC coa tese “Feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil: historia crítica e aplicación didáctica”, que dirixiron os profesores Dolores Vilavedra e Bieito Silva. A súa investigación está centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Así, ten publicadas dúas monografías sobre esta cuestión: a biografía de María Victoria Moreno, A voz insurrecta (2018, Galaxia) e a obra Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (2018, Laiovento). Ademais de dous volumes divulgativos sobre Roberto Vidal Bolaño e Xela Arias, acaba de editar dúas obras colectivas arredor da figura de Luísa Villalta: Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta (2024, USC), xunto coa profesora María Xesús Nogueira, e Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta (2024, Laiovento), en colaboración con Mercedes Queixas. Ademais de numerosos artigos en revistas de investigación, foi crítica literaria en medios como Faro de Vigo, Sermos Galiza, Grial ou a Radio Galega.

Tal multitude que fomos: un achegamento á polifacecia creativa de Luísa Villalta

Villalta foi unha creadora polifacética: dende a música como pano de fondo, como intérprete de violino, cultivou todos os xéneros literarios á vez que reflexionou sobre eles. A pesar de que a autora pasou á historia da literatura fundamentalmente como poeta, cómpre (re)descubrir tamén a súa actividade como dramaturga e narradora. Comprometida coas causas do seu tempo (o non á guerra, a defensa do pobo Palestino e o Nunca Máis, entre outras), a súa actividade como columnista no xornal A Nosa Terra achega numerosas claves que permiten desvelar, a partir do seu pensamento, á autora homenaxeada coas Letras Galegas 2024 dende múltiples perspectivas.

Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre
Aula 4 da Facultade de Filosofía
6 de Xullo de 2023
|
12:00

Narradora, poeta, tradutora, feminista. Durante moitos anos dúas voces lidaron na súa gorxa ameazando con esganala, os escritos sobre pensamento crítico e argumentación nas aulas de ciencias –foi catedrática de didáctica das ciencias na USC– e a literatura. En 2022 acadou o Premio Nacional de Narrativa pola novela As malas mulleres (Galaxia, 2021), antes premio Blanco Amor, traducida ao castelán, catalán e euskera. En 2021 publicou, con María López Sández Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (Galaxia). Talvez por ter a lingua partida a súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, Xerais; e Desescribindo, Apiario), e animais rebeldes (Ovella descarreirada Xerais, 2014). Acadou premios de poesía, o Esquío 1998 por Catálogo de velenos, o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas, reescrita feminista das Metamorfoses, estes xunto con Abecedario de árbores (2006), reeditados como Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017). Adora escribir relatos como os d’O coitelo en novembro (Xerais 2010) ou Lobos nas illas (Xerais, 1996; en castelán Lobos en las islas, Arde, 2022). En narrativa xuvenil A expedición do Pacífico (1995), A cabeza de Medusa (2008), sobre a violación social que segue á física, en inglés Head of Medusa (Small Station Press, 2019) ou A filla do minotauro (2018). En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega.

Dialogando con Rosalía nun mudo coro: As malas mulleres

Escribo sobre a violencia social, a exercida sobre colectivos, sobre grupos sociais amplos e que con frecuencia é invisible. A literatura pode escarvar no pozo da desmemoria para revelar vidas de persoas que non importaron a ninguén. A novela As malas mulleres segue a vida das presas no cárcere da Galera, na Coruña, entre 1863 e 1865, a través dunha rapaza, Sisca, personaxe de ficción baseado nunha traxedia ocorrida en 1953. Concepción Arenal e Juana de Vega ensinaban a ler ás presas até prohibírllelo o alcaide. Como facer falar a mulleres sen voz? Nos capítulos de “O mudo coro das malas mulleres” toman prestada a voz de Rosalía de Castro que cantou a vida e as penas das mulleres dun modo que as mulleres –e non só– fixeron seu. Atrevinme a imaxinar mágoas só entrevistas nos poemas de Rosalía. Tamén podería chamarse “O coro das lobas” pois Pepa a Loba estaba presa na Galera neses anos.

Álvaro Gago

Álvaro Gago
Aula 4 da Facultade de Filosofía
11 de Xullo de 2023
|
11:00

Seleccionado por Variety en 2019 como un Spanish talent to track e por Screen International en 2021 como unha Star of Tomorrow. Álvaro Gago (Vigo, 1986) estuda comunicación e música en Galicia, teatro en Chicago e cinema na London Film School, na que se gradúa no 2013 coa curta Curricán.

No 2017 dirixe Matria, curtametraxe candidata aos Goya 2019 e gañadora de máis de setenta premios, entre eles o Mestre Mateo 2018 e o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018. A súa última curtametraxe, 16 de decembro, candidata aos Goya 2021 e resultou gañadora do Mestre Mateo 2020, estréase no Festival de Locarno 2019.
A súa primeira longametraxe, titulada Matria como a curta, ten a súa estrea internacional na sección Panorama da 73ª edición da Berlinale e nacional na 26ª edición do Festival de Málaga, onde recibe o premio á Mellor Ópera Prima e Mellor Actriz para María Vázquez.

Actualmente está a desenvolver a súa segunda longametraxe de ficción, Porto Alegre, no marco do programa Rueda da Academia do Cine Español.

Cultivar o tesouro da diferenza

Iníciase este encontro cun breve repaso da historia do cinema galego, desde o seu nacemento ata a actualidade.

Nunha segunda parte, xa con filmes propios, abordarase diferentes cuestións do proceso de creación dunha obra cinematográfica.