Saltar ao contido

Paula Carballeira

Paula Carballeira
Facultade de Filosofía
15 de Xullo de 2025
|
12:00

Nacida en Maniños (Fene. A Coruña) no 1972, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e cun Posgraduado de Especialización en Arte Dramática na mesma universidade. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten una ampla produción literaria en teatro, narrativa, poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como dramaturga, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 concedido polo Ministerio de Cultura, o Premio Follas Novas na categoría de Teatro nese mesmo ano, o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018, a Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega, foi finalista do Premio ASSITEJ de Textos de Teatro e nos Premios María Casares do Teatro Galego nas categorías de Texto Orixinal (ano 2007) e Adaptación de Texto Dramático (2016).  Ademais, levou o Premio Follas Novas 2023 no apartado de Literatura Infantil, o Premio Frei Martín Sarmiento no apartado de Literatura Infantil no ano 2014 e os Premios Lecturas de Literatura Infantil dos anos 2001 e 2002 Narradora oral profesional desde 1994, foi convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, leva adiante montaxes tanto na súa propia compañía como noutras producións.

E seguiremos contando. E seguiremos cantando. A oralidade na literatura galega do século XXI

Neste século XXI no que privilexiamos as narrativas audiovisuais, seguimos precisando crear as nosas propias imaxes, configurar un discurso propio que nos faga visibles, que amplíe perspectivas. A transmisión oral contribúe a recoñecernos nunha identidade, nunha tradición que se vai transformando ao ritmo da sociedade na que vivimos e, ao tempo, responde a esa arela de permanecer no tempo a través da memoria. Cómpre recoñecer a pegada da oralidade nas diferentes manifestacións literarias galegas contemporáneas, esa necesidade de contar a vida coas palabras que nos permiten sentila. Atendendo ás novas formas da literatura e ao diálogo entre xéneros, prestarémoslle atención, non só ao legado oral, senón á creación actual e aos camiños que se abren, de que maneira nos sentimos parte dunha lingua, dunha cultura.