Miguel Anxo Seixas Seoane

Miguel Anxo Seixas Seoane, Arzúa, 29 de setembro de 1960. En 1984 licénciase en Historia da Arte Moderna pola Universidade de Santiago de Compostela. En 2017 defende a tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación na Universidade de Santiago.
- Autor dunha ampla bibliografía onde destacan:
– Celso Emilio Ferreiro 1912-1979. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
– O Camiño de Santiago: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
– Álvaro Cunqueiro 1911-1981. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
– Santiago y Galicia, Mérida: Límite Visual.
– Catálogo Galicia. Camiño celeste, Barcelona, editorial Lunwerg, A Coruña; Fundación Caixa Galicia. Fotografías de Xurxo Lobato.
– Ánxel Casal. O editor de nós, Santiago: Concello de Santiago. Terceira edición corrixida e aumentada.
– Imaxes de Galicia: 72 xilografías orixinais. Edición comentada de Luís Seoane, Santiago: Consello da Cultura Galega.
– Valentín Paz-Andrade. Fotobiografía, Sarria: Ouvimos.
– Luís Porteiro Garea e as Irmandades da Fala, Concello de Santiago: Concello.
– O humorismo gráfico de Castelao, A Coruña: ediciones Boreal.
– Quen fora pedra. Centenario do monumento a Rosalía na Alamenda de Santiago, Deputación da Coruña.
– Castelao, construtor da nación. Tomo 1, 1886-1930, Vigo: editorial Galaxia.
– Castelao, construtor da nación. Tomo 2, 1931-1939, Vigo: editorial Galaxia.
– Castelao, construtor da nación. Tomo 3, 1940-1950, Vigo: editorial Galaxia
Castelao connosco
Dentro da constelación de eximios creadores da cultura e dos valedores da identidade galega insértase Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a quen lle deron a vida en 1886, en Rianxo.
Enfrontouse el cos límites da realidade e tentou trasladala á arte e á escrita, comprendela, para logo transformala e perfeccionala. El amais acrecentou o noso ben común.
Xa en vida se lle recoñeceu o seu enxeño na arte gráfica (no humorismo de “Cousas da vida”) que amosou desde 1914, na pintura (Premio na exposición de Belas Artes en Madrid en 1915) e na literatura. El conxugou o debuxo e o texto coa creación do microrrelato en 1918 que el denomina “Cousa”. Asemade, converteuse nun eximio narrador. A edición en 1926 dos relatos titulado Cousas e ilustrado por el mesmo conságrano. Persoeiro polifacético sempre tentou conectar co pobo. Sentiu a voz desas xentes, debuxou para elas, escribiu para elas e deulles dignidade ao trasladar á prensa os seus rostros e os seus pensamentos na serie de humor “Cousas da vida”. Eses miles de debuxos é o catálogo de persoas galegas mais ampla da arte. Eses lectores, esas xentes, identificáronse con eses debuxos e co que expresaban e que logo eran comentados e celebrados. Por iso gozou de estima e de popularidade: “son cousas da vida por Castelao” dicía a xente. A súa convicción de demócrata obrigouno a tentar darlle participación aos exluídos política e do poder. Como republicano, federalista e galeguista por coherencia ética loitará por unha España confederal na que Galicia poida despregar as súas potencialidades; por iso será o deputado do galeguismo nas Cortes da Segunda República e entrégase nese proxecto político da conquista dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Un logro do pobo conquistado o 28 de xuño de 1936, pero interrompido polas armas dos intolerantes. El puxo a súa arte e súa voz ao servizo do goberno da República e os seus tres álbums de guerra convertírono no artista mais admirado e reproducido na prensa internacional. Eses debuxos foron amosados ao mundo en reproducións e logo expostos en Moscova, en Nova York, na Habana en Montevideo e en Buenos Aires. Con todo, a obsesión de Castelao será a tramitación e aprobación polas Cortes do Estatuto de Autonomía interrompido en 1936. Para defender os dereitos de Galicia o nacionalista galego solidario publicará no exilio, en 1944, o ensaio político Sempre en Galiza e creará o Consello de Galiza e, finalmente, conseguirá o 9 de novembro de 1945 que nas Cortes celebradas en México se aprobe ese Estatuto galego. É moito o que lle debemos. O seu enterro en xaneiro de 1950 en Bos Aires, no exilio, foi apotéotico. Converteuse nun mito. Aos poucos foi asomando en Galicia na ditadura a súa obra e a súa actitude ética exemplar. Na ditadura dedicóuselle o segundo ano do Día das Letras Galegas en 1964. Amosouse daquela en Galicia só unha parte de Castelao o mesmo que na celebración dos 25 anos da súa morte, en 1975.
A democracia outorgoulle a Galicia un Estatuto de Autonomía e o pobo puido elixir o primeiro Parlamento de Galicia e un goberno propio. O Parlamento decidiu traer os restos de Castelao para ser enterrado no Panteón de galegas e galegos ilustres en Bonaval o 28 de xuño de 1984. Volveu ser homenaxeado, sen censura, en 2000 con motivo dos 50 anos do seu cabodano.
El é o personaxe mais coñecido por todos e o pobo galego escolleuno a el como un dos seus símbolos.