José Suárez Otero
Doutor en arqueoloxía coa tese Locus Iacobi. Orígenes de una Santuario de Peregrinación, é na actualidade arqueólogo investigador do Grupo de Análise Territorial da USC. Foi director das escavacións no claustro da Catedral de Santiago e arqueólogo da Catedral de Santiago, e traballou na divulgación e promoción do Camiño de Santiago como tecnólogo da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Dirixe dende o 2003 os traballos de descubrimento, investigación e posta en valor do Monte do Facho, santuario galaico (s. II a.C- s. I d.C.) e galaico romano (s. III-VI d.C.). Tamén é codirector do proxecto de reconstrución virtual “Medieval Compostela”, que se está a realizar na UCLA. Foi visiting scholar nesta universidade, no Institute for Pilgrimage Studies (Willian and Mary College) e no Deustches Archäologisches Institut, do que é membro correspondente. É ademais integrante da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico da cidade de Santiago de Compostela.
As orixes do Camiño
As orixes do Camiño de Santiago pérdense no enigma histórico da aparición da tumba de Santiago e o seu culto. Lendas, tradicións e algunhas referencias documentais, as máis das veces composteláns, e sempre tardías, derivaron nunha permanente controversia entre dúas posturas antagónicas. Unha, baseada nos contextos históricos e no silencio das fontes, defende a creación medieval do mito da Tumba. A outra, dando credibilidade as tradicións, relatos moitas veces de carácter lendario, e as fontes composteláns, outórgalle credibilidade ao carácter apostólico e á orixe romana da tumba. O relator, dende as fontes arqueolóxicas, proporá unha lectura alternativa que redefine o problema, situándoo nun contexto histórico diferente: dos séculos VI-VII ao IX. Nun proceso no que cuestións relixiosas, pero tamén políticas, mesturaranse para conformar a idea da presenza apostólica e sustentar o culto e a peregrinación ao redor dela.