Saltar ao contido

Miguel Anxo Seixas Seoane

Miguel Anxo Seixas Seoane
Facultade de Filosofía
8 de Xullo de 2025
|
12:00

Miguel Anxo Seixas Seoane, Arzúa, 29 de setembro de 1960. En 1984 licénciase en Historia da Arte Moderna pola Universidade de Santiago de Compostela. En 2017 defende a tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación na Universidade de Santiago.

  • Autor dunha ampla bibliografía onde destacan:

Celso Emilio Ferreiro 1912-1979. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
O Camiño de Santiago: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
Álvaro Cunqueiro 1911-1981. Unha fotobiografía: edicións Xerais de Galicia, Vigo.
Santiago y Galicia, Mérida: Límite Visual.
Catálogo Galicia. Camiño celeste, Barcelona, editorial Lunwerg, A Coruña; Fundación Caixa Galicia. Fotografías de Xurxo Lobato.
Ánxel Casal. O editor de nós, Santiago: Concello de Santiago. Terceira edición corrixida e aumentada.

Imaxes de Galicia: 72 xilografías orixinais. Edición comentada de Luís Seoane, Santiago: Consello da Cultura Galega.

Valentín Paz-Andrade. Fotobiografía, Sarria: Ouvimos.

Luís Porteiro Garea e as Irmandades da Fala, Concello de Santiago: Concello.

O humorismo gráfico de Castelao, A Coruña: ediciones Boreal.

Quen fora pedra. Centenario do monumento a Rosalía na Alamenda de Santiago, Deputación da Coruña.

Castelao, construtor da nación. Tomo 1, 1886-1930, Vigo: editorial Galaxia.

Castelao, construtor da nación. Tomo 2, 1931-1939, Vigo: editorial Galaxia.

Castelao, construtor da nación. Tomo 3, 1940-1950, Vigo: editorial Galaxia

Castelao connosco

Dentro da constelación de eximios creadores da cultura e dos valedores da identidade galega insértase Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a quen lle deron a vida en 1886, en Rianxo.

Enfrontouse el cos límites da realidade e tentou trasladala á arte e á escrita, comprendela, para logo transformala e perfeccionala. El amais acrecentou o noso ben común.

Xa en vida se lle recoñeceu o seu enxeño na arte gráfica (no humorismo de “Cousas da vida”) que amosou desde 1914, na pintura (Premio na exposición de Belas Artes en Madrid en 1915) e na literatura. El conxugou o debuxo e o texto coa creación do microrrelato en 1918 que el denomina “Cousa”. Asemade, converteuse nun eximio narrador. A edición en 1926 dos relatos titulado Cousas e ilustrado por el mesmo conságrano. Persoeiro polifacético sempre tentou conectar co pobo. Sentiu a voz desas xentes, debuxou para elas, escribiu para elas e deulles dignidade ao trasladar á prensa os seus rostros e os seus pensamentos na serie de humor “Cousas da vida”. Eses miles de debuxos é o catálogo de persoas galegas mais ampla da arte. Eses lectores, esas xentes, identificáronse con eses debuxos e co que expresaban e que logo eran comentados e celebrados. Por iso gozou de estima e de popularidade: “son cousas da vida por Castelao” dicía a xente. A súa convicción de demócrata obrigouno a tentar darlle participación aos exluídos política e do poder. Como republicano, federalista e galeguista por coherencia ética loitará por unha España confederal na que Galicia poida despregar as súas potencialidades; por iso será o deputado do galeguismo nas Cortes da Segunda República e entrégase nese proxecto político da conquista dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Un logro do pobo conquistado o 28 de xuño de 1936, pero interrompido polas armas dos intolerantes. El puxo a súa arte e súa voz ao servizo do goberno da República e os seus tres álbums de guerra convertírono no artista mais admirado e reproducido na prensa internacional. Eses debuxos foron amosados ao mundo en reproducións e logo expostos en Moscova, en Nova York, na Habana en Montevideo e en Buenos Aires. Con todo, a obsesión de Castelao será a tramitación e aprobación polas Cortes do Estatuto de Autonomía interrompido en 1936. Para defender os dereitos de Galicia o nacionalista galego solidario publicará no exilio, en 1944, o ensaio político Sempre en Galiza e creará o Consello de Galiza e, finalmente, conseguirá o 9 de novembro de 1945 que nas Cortes celebradas en México se aprobe ese Estatuto galego. É moito o que lle debemos. O seu enterro en xaneiro de 1950 en Bos Aires, no exilio, foi apotéotico. Converteuse nun mito. Aos poucos foi asomando en Galicia na ditadura a súa obra e a súa actitude ética exemplar. Na ditadura dedicóuselle o segundo ano do Día das Letras Galegas en 1964. Amosouse daquela en Galicia só unha parte de Castelao o mesmo que na celebración dos 25 anos da súa morte, en 1975.

A democracia outorgoulle a Galicia un Estatuto de Autonomía e o pobo puido elixir o primeiro Parlamento de Galicia e un goberno propio. O Parlamento decidiu traer os restos de Castelao para ser enterrado no Panteón de galegas e galegos ilustres en Bonaval o 28 de xuño de 1984. Volveu ser homenaxeado, sen censura, en 2000 con motivo dos 50 anos do seu cabodano.

El é o personaxe mais coñecido por todos e o pobo galego escolleuno a el como un dos seus símbolos.

Antón Santamarina Fernández

Antón Santamarina Fernández
Facultade de Filosofía
10 de Xullo de 2025
|
12:00

Antón Santamarina Fernández (San Martín de Suarna, Fonsagrada, Lugo 1942)

Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago (1961-1966) e doutor en 1974 coa tese de doutoramento: El verbo gallego.

Catedrático de Filoloxía Románica desde 1978. Membro da Real Academia Galega desde 1998.

Ten traballos referentes ao galego nos campos da didáctica, da codificación idiomática, da sociolingüística, da gramática, da lexicografía, da dialectoloxía e da onomástica.

Desde 1978 ata 1995 colaborou coa musicóloga suíza Dorothé Schubarth na compilación dun Cancioneiro popular galego.

 

Historia dos cancioneiros galegos

Mostraremos cales foron as contribucións máis importantes na empresa de construír un corpus da lírica popular galega desde 1745 ata a actualidade; informaremos tamén da obra dos distintos compiladores de melodías desde 1888 ata a actualidade.

Paula Carballeira

Paula Carballeira
Facultade de Filosofía
15 de Xullo de 2025
|
12:00

Nacida en Maniños (Fene. A Coruña) no 1972, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e cun Posgraduado de Especialización en Arte Dramática na mesma universidade. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten una ampla produción literaria en teatro, narrativa, poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como dramaturga, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 concedido polo Ministerio de Cultura, o Premio Follas Novas na categoría de Teatro nese mesmo ano, o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018, a Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega, foi finalista do Premio ASSITEJ de Textos de Teatro e nos Premios María Casares do Teatro Galego nas categorías de Texto Orixinal (ano 2007) e Adaptación de Texto Dramático (2016).  Ademais, levou o Premio Follas Novas 2023 no apartado de Literatura Infantil, o Premio Frei Martín Sarmiento no apartado de Literatura Infantil no ano 2014 e os Premios Lecturas de Literatura Infantil dos anos 2001 e 2002 Narradora oral profesional desde 1994, foi convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, leva adiante montaxes tanto na súa propia compañía como noutras producións.

E seguiremos contando. E seguiremos cantando. A oralidade na literatura galega do século XXI

Neste século XXI no que privilexiamos as narrativas audiovisuais, seguimos precisando crear as nosas propias imaxes, configurar un discurso propio que nos faga visibles, que amplíe perspectivas. A transmisión oral contribúe a recoñecernos nunha identidade, nunha tradición que se vai transformando ao ritmo da sociedade na que vivimos e, ao tempo, responde a esa arela de permanecer no tempo a través da memoria. Cómpre recoñecer a pegada da oralidade nas diferentes manifestacións literarias galegas contemporáneas, esa necesidade de contar a vida coas palabras que nos permiten sentila. Atendendo ás novas formas da literatura e ao diálogo entre xéneros, prestarémoslle atención, non só ao legado oral, senón á creación actual e aos camiños que se abren, de que maneira nos sentimos parte dunha lingua, dunha cultura.

Antonio Reigosa Zoñán

Antonio Reigosa Zoñán
Facultade de Filosofía
17 de Xullo de 2025
|
12:00

Antonio Reigosa Zoñán-Mondoñedo, 1958.

Cronista oficial de Mondoñedo. Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e literatura de tradición oral galega. Creador e mantedor desde 2005 da enciclopedia virtual da fantasía popular ‘Galicia Encantada’ (www.galiciaencantada.com).

Autor de libros infanto-xuvenís, de contos e lendas, álbums e ensaios en coautoría con X. Miranda e X. R. Cuba como o Dicionario dos seres míticos galegos (1999), Contos colorados (2001) e a colección Cabalo buligán (1998-2004). Recibiu premios como o Merlín 1998, Raíña Lupa 2000, Frei Martín Sarmiento 2003, Irmandade do libro 2013 e Follas Novas do Libro Galego 2021.

As palabras ditas: Literatura para os sentidos

Celebremos a oralidade. O que se di, o que se conta e o que se canta. Na oralidade habita a lingua e con ela o nome de todas as emocións posibles. Falaremos diso e coñeceremos unhas cantas persoas singulares que nos deixaron en herdo o máis valioso tesouro: todo o seu saber.