O proxecto neofalantes.gal é un portal web que ten como obxectivo servir de fiestra de todos e todas as neofalantes en galego, é dicir, aquelas persoas que aprenderon e falan galego sen que esta sexa a súa lingua nai, tanto nados en Galicia como xente de fóra que decidiu vivir no noso país.
Este proxecto tamén pretende impulsar e valorizar o fenómeno do neofalantismo, as conexións do galego co mundo da lusofonía e facer do galego unha lingua de empresa e economía. O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste proxecto que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio da RAG.
Nunha primeira fase desenvolveuse o portal neofalantes.gal, que conta con varias seccións; historias e experiencias de neofalantes, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas e cousas interesantes en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais conta cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas novas redes sociais da mocidade: Instagram e Tik Tok, ademais conta tamén coa súa propia canle en YouTube.
Na segunda fase do traballo, que é na que estamos agora, o grupo puxo en marcha unha ferramenta tecnolóxica interactiva que funciona a xeito de rede social entre a comunidade neofalante para favorecer a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. O obxectivo, polo tanto, é acrecentar estar rede social para que sirva de punto de encontro dos neofalantes de Galicia e do resto do mundo.
Esta rede tamén pretende captar persoas que empregan a lingua galega para facer negocio. Por iso, nunha terceira fase crearase unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en impulsar negocios, que aprenderan galego ou queiran aprender galego e vivan no estranxeiro, con empresas de Galicia. O portal está coordinado polos profesores da Facultade de Comunicación, Xosé López e Xurxo Salgado.