O proxecto neofalantes.gal é un portal web que ten como obxectivo servir de fiestra de todos e todas as neofalantes en galego, é dicir, aquelas persoas que aprenderon e falan galego sen que esta sexa a súa lingua nai.

Este proxecto tamén pretende impulsar e valorizar o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía. O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste proxecto que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio da RAG.

Nunha primeira fase desenvolveuse o portal neofalantes.gal, que conta con varias seccións; historias e experiencias de neofalantes, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas e cousas interesantes en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais conta cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas novas redes sociais da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Xa nunha segunda fase que se presentará esta semana, o grupo traballa na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.

A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios que aprenderan galego ou queiran aprender galego e vivan no estranxeiro con empresas de Galicia. O portal está coordinado polos profesores da Facultade de Comunicación, Xosé López e Xurxo Salgado.