Este será unha clase interactiva, un concerto didáctico de achega á música tradicional galega para persoas estranxeiras. Ten como obxectivo ofrecer unha experiencia vivencial, musical e cultural arredor da pandeireta galega, enfocada especialmente a persoas estranxeiras interesadas na nosa lingua e tradicións. Nel trataranse varios aspectos: iniciación práctica aos ritmos básicos da pandeireta galega e outros instrumentos de percusión miúda e aos ritmos máis característicos como a muiñeira e a xota para que as persoas participantes coñezan, identifiquen e sexan quen de reproducir os patróns rítmicos básicos dos dous ritmos. Ademais falarase do contexto etnográfico (orixe, usos e xeografía dos ritmos tradicionais), o nacemento da tradición oral e a introdución á construción de coplas tradicionais.
María Faltri – Cantareira, docente e axente cultural.
María López ‘Faltri’, leva 20 anos espallando a tradición galega polo mundo. Cantareira, divulgadora e creadora, María Faltri canta, toca e a música tradicional galega con paixón e innovación. Fundadora de Faltriqueira, agrupación pioneira que abriu novos camiños para a música de pandeireta, levou os sons da nosa tradición por escenarios de todo o mundo, convertendo a cultura galega nun auténtico pasaporte sonoro.
Cantareira dende a infancia, a súa traxectoria profesional estivo sempre vencellada á música tradicional galega e, moi especialmente, á pandeireta como símbolo de identidade, resistencia e expresión popular. Formou parte de proxectos escénicos e pedagóxicos que buscan dignificar o papel da muller na transmisión oral e musical da nosa cultura.
Destaca a súa participación en Faltriqueira, unha formación pioneira que achegou novas sonoridades ao canto tradicional galego a través da polifonía e da fusión con músicas doutras latitudes.