Curso de baile para principiantes. O obxectivo deste é achegar o alumnado ao baile tradicional galego. Recibirán información do contexto no que se bailaba no pasado, como eran as foliadas, seráns, frascas… e que espazos hai na actualidade para o baile tradicional.

Achegarémolos aos distintos tipos de bailes que temos (soltos e agarrados). Experimentaremos bailar un ritmo de cada un deles: no solto, faremos unha muiñeira sinxela, os pasos base e súa estrutura (descanso ou paseo, punto e volta). E nos agarrados, aprenderemos un pasodobre e un xogo de roda con este ritmo, no que tamén terán que aprender a letra e cantar.

O obradoiro será unha inmersión no pasado do noso baile tradicional pero asemade capacitaraos para entender o fenómeno que esta a acontecer co baile na actualidade e que poidan ir a unha foliada ou concerto de música galega e entendan o que está a acontecer.

Montse Rivera desde moi nova participa en diferentes agrupacións folclóricas galegas, como a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos e o Grupo de Baile Brincadeira (Santiago de Compostela).

Dende o ano 1989 ata o 2024, formou parte do grupo de pandeireteiras Leilía. No 2008 xunto con Mercedes Prieto crea o grupo Pesdelán, coa intención de poñer a bailar a toda a familia. O grupo ten dous traballos publicados: “Na Punta do pé” e “Entroidanzas”.

Posúe un valioso arquivo audiovisual conxuntamente con Felisa Segade, froito de máis de 30 anos de investigación etnográfica por toda a xeografía galega.

Tamén foi membro do xurado do concurso de baile tradicional realizado no programa da TVG Luar (Vai de Baile/ Na Punta do Pé).

Actualmente compaxina a súa vocación docente coa participación e asesoramento na confección de traxes tradicionais no establecemento “De Cotío”, coa actividade artística en Pesdelán, o proxecto “As Armadanzas” e así como o monólogo “Cóntoche un traxe” e a obra de teatro “María Balteira, a bailadora primeira”.