Concerto didáctico sobre a organoloxía, iconografía, repertorio, tipos e usos dun dos instrumentos máis carismáticos e singulares de Europa que acompañaron a voz de xograres medievais, o canto da literatura de cordel que espallaron os cegos e cegas por toda a Península até comezos do século XX. Con máis de dez séculos de historia e co mesmo principio mecánico desde entón, este “sintetizador medieval” continúa a ser un grande descoñecido para o público xeral. Esta sesión ofrece a oportunidade de descubrir este tesouro musical nun percorrido diacrónico desde os modelos esculpidos de organistrum, as miniaturas das sinfonías, as táboas dos mestres flamencos, a modernización da zanfona barroca, a “vielle à roue” na corte francesa, os enxendros de lyra organizatta ou zanfona órgano, os gravados dos folcloristas do Rexionalismo, as fotos dos últimos cegos mendicantes en Ucraína e Galiza, o revival do folk, a fascinación do drone e a electroacústica até a zanfona contemporánea.
A sesión céntrase no contexto europeo do instrumento atendendo a particularidade que tomou na Península Ibérica, así coma ao repertorio de músicas tradicionais en Galiza. A idea é ofrecer un recital dunha hora dun xeito ameno e variado intercalando imaxes, música, anécdotas e historia desta magnífica máquina musical.
Ariel Ninas é o alter ego de Mauro Sanín. Como músico, formouse no estudo da zanfona desde o ano 2001 de xeito autodidacta. Desde o 2005 toma estudos formais de música con Óscar Fernández e con Germán Díaz. Desde o 2003 asiste a cursos internacionais regularmente con mestres da zanfona coma Valentin Clastrier, Matthias Loibner, Patrick Bouffard, Gilles Chabenat, Isabelle Pignol, Marc Egea, Gregory Jolivet, Pascal Lefeuvre, Adriá Grandía, Tobie Miller e Romain Badouin. Actualmente toca en varios proxectos de música experimental e improvisación libre froito da súa participación coa OMEGa, Orquestra de Música Espontánea da Galiza–ImaxinaSons’09 con Fred Frith, Traumzeit Festival (Duisburg) con Michael Fisher. Co Comando Delta deconstruíndo a Golpes Bajos con Germán Coppini-; o dúo con Ángel Faraldo no dúo B’knob ou a trío na electrónica e multimedia de Ulobit con Xoan Xil e Horacio GD.
Participou en múltiples discos coa súa zanfona de proxectos musicais variados: Sanfonices (2011), Ultracäns (Ultracans, 2012) Xoán Curiel (Magnético Zen, 2012), Kerkennai (A fronda, 2013), Sérgio Tannus (Son Brasilego, 2013). É o director e coordinador do único festival dedicado á zanfona que se organiza en Galiza, Zona de Zanfona, desde o 2005, organizados desde aCentral Folque.
En 2016 publicou xunto ao seu parceiro da Beira Alta, César Prata, o disco “Cantos de Cego de Galiza e Portugal” colectánea de cancións das dúas beiras do Miño.