A foliada vai boa, ela non está de perder! é o título deste curso de baile para principiantes. As foliadas son boas experiencias para socializar, divertirse e comunicar co corpo, por iso neste curso entenderemos as dinámicas para participar activamente nelas. Aprenderemos os códigos do baile comunitario galego e os movementos básicos dos ritmos máis populares nestas festas. Comezaremos entrando no ritmo, pouco a pouco e xogando a través da distensión que nos ofrecen os bailes agarrados, para logo mergullarnos na roda do baile chamado “solto”, é dicir, muiñeiras e xotas, co obxectivo final de poder participar e non perdernos ningunha foliada.

O obxectivo deste curso é achegar ao alumnado ao baile tradicional galego. Recibirán información do contexto no que se bailaba no pasado, como eran as foliadas seráns, frascas… e que espazos hai na actualidade para o baile tradicional. Achegarémolos aos distintos tipos de bailes que temos (soltos e agarrados).

 

Carme Campo, profesora de baile comunitario e fundadora da escola da Gentalha do Pichel, especializada no baile para foliada e sen transmisión de estereotipos de poder e sexistas. Ademais, é técnica do departamento de educación do Museo do Pobo Galego onde a implantación didáctica do PCI é unha constante no seu traballo. Tamén é coxestora, xunto a Chus Caramés e Ana G. Lenza, do proxecto para a revisión con perspectiva de xénero do baile e músicas tradicionais “Andar cos Tempos”.