Á volta do verán, co novo curso académico, o acabado de crear Centro de Estudos Galegos da Universidade de Woxsen celebrará o seu primeiro Día Nacional de Galicia. Á fronte deste novo espazo de proxección do noso país está o director do Centro de Lingua e Comunicación Intercultural, Anik Nandi, exalumno dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, lembrou o presidente da Real Academia Galega na clausura da trixésimo cuarta edición do programa. “Esta é unha escola de especialistas, amantes e amigos do galego, unha grande irmandade da nosa lingua polo mundo adiante”, expresou Víctor F. Freixanes.
Anik Nandi foi no seu día un dos preto de tres mil estudantes que dende a súa posta en marcha pasaron polos Cursos Galego sen fronteiras, promovidos pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, e que contan co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Ambas as institucións celebraron este mediodía, na Facultade de Filosofía, o peche da cita deste ano, nun acto no que se realizou a entrega dos diplomas ao máis de medio cento de persoas de Europa, América e Asia que a protagonizaron ao longo das tres últimas semanas.
Víctor F. Freixanes clausurou o programa canda a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o director dos cursos, o académico Henrique Monteagudo; a profesora Ana Fachal e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Todos eles dedicáronlles un ata pronto aos estudantes chegados dende a Arxentina, o Brasil, os Estados Unidos, a India, a China e Alemaña, Reino Unido, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína, Rusia e distintas comunidades autónomas de España.
“Para nós é unha honra que a lingua sexa unha oportunidade non só de que coñezades o galego e a nosa cultura, senón tamén de que cadaquén coñeza a cultura do outro”, salientou Henrique Monteagudo. O director dos cursos referiuse ademais ao “agarimo e a emoción” que todo o profesorado e a organización pon nesta iniciativa. “Traballar cunha lingua minorizada, dalgún xeito ameazada, implica un esforzo maior, pero tamén hai unha implicación dende o punto de vista emocional que dá sentido ao traballo que facemos, concluíu”.