A profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC Montserrat Pena Presas participou no programa de palestras dos XXXIV Cursos Galego sen fronteiras cunha intervención sobre a autora homenaxeada nas Letras 2024, Luísa Villalta. A conferenciante acaba de editar dúas obras colectivas arredor da figura da protagonista das Letras deste ano: Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta (2024, USC), xunto coa profesora María Xesús Nogueira, e Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta (2024, Laiovento), en colaboración con Mercedes Queixas.
Villalta foi unha creadora polifacética: dende a música como pano de fondo, como intérprete de violino, cultivou todos os xéneros literarios á vez que reflexionou sobre eles. A pesar de que a autora pasou á historia da literatura fundamentalmente como poeta, cómpre (re)descubrir tamén a súa actividade como dramaturga e narradora. Comprometida coas causas do seu tempo (o non á guerra, a defensa do pobo Palestino e o Nunca Máis, entre outras), a súa actividade como columnista no xornal A Nosa Terra achega numerosas claves que permiten desvelar, a partir do seu pensamento, á autora homenaxeada coas Letras Galegas 2024 dende múltiples perspectivas.