“Estes cursos son unha escola de embaixadores. De aquí saídes persoas que logo levades a memoria de nós, o cariño de nós e o coñecemento de nós polo mundo adiante, e nalgúns casos mesmo con contribucións importantes no campo da investigación dos estudos galegos, como é o caso, por exemplo, do hoxe académico de honra Takekazu Asaka”. Con estas palabras agradeceu o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, a participación de máis de medio cento de persoas procedentes de países de Europa, Asia e América nos XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que demostran que o galego é “unha lingua instalada no mundo”. O programa constitúe ademais “un espazo onde nos encontramos todos dende linguas e culturas distintas para compartir a vida”, subliñou Víctor F. Freixanes na apertura da nova edición.
A última convocatoria desta iniciativa coorganizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela –coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia– arrincou este mediodía na Facultade de Filosofía, que acollerá o groso da actividade. No acto de benvida ao alumnado tamén interviñeron o director dos cursos, o académico Henrique Monteagudo; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo; e a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho Villanueva. Os distintos intervenientes salientaron o espírito de “confraternidade”, en palabras de Henrique Monteagudo, dunha iniciativa que constitúe unha oportunidade de “aprendizaxe común”, engadiu Elisa Fernández Rei.
O programa combina clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras. Neste último apartado, o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e edita libros; Rosalía Fernández Rial ofrecerá un relatorio sobre o poético en diálogo con outras artes; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto deterase na emigración contemporánea a América; a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja falará sobre a fraseoloxía galega; e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará o alumnado á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.
O programa desenvólvese, co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, baixo a dirección do vicesecretario da RAG e catedrático de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura María López Sández como secretaria académica.