A RAG e a USC organizan os cursos Galego sen fronteiras co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Na inauguración da nova edición participaron, canda o presidente da Academia, o académico e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) Henrique Monteagudo, que codirixe os cursos xunto á tamén académica e profesora da USC María López Sández; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, M.ª del Pilar Murias Fernández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Os alumnos e alumnas desta edición proceden dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia e México, así como doutras comunidades autónomas. Súmanse aos máis de dous mil cincocentos que dende 1988 pasaron polas aulas duns cursos que, como apuntaron tamén os demais intervenientes no acto deste mediodía, contribúen a espallar a lingua e a cultura de noso por todo o mundo.
Moitas das persoas estranxeiras e doutros territorios de España que na actualidade se dedican a verter a literatura galega a outras linguas e a ensinaren o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes estudantes deste programa, lembrou a directora do ILG: “Esperamos achegarvos os recursos necesarios para que vós tamén poidades seguir a investigar sobre a nosa lingua e a nosa cultura, se así o desexades. Agardamos saber transmitirvos a nosa paixón polos estudos galegos”, expresou.
Henrique Monteagudo debullou o programa que se desenvolverá durante as tres próximas semanas, organizado por niveis, e referiuse tamén o papel do alumnado desta cita xa tradicional como divulgador da lingua e da cultura galegas polo mundo. Na mesma liña, o secretario xeral de Política Lingüística e a vicerreitora de Cultura agradeceron o seu interese polo idioma do país. “Esta é a máis alta creación cultural que o noso pobo deu ao longo dos séculos”, dixo Valentín García. “Non hai nada máis íntimo que poida expresar a cultura dun pobo que a lingua que aprendemos a falar cando somos nenos e nenas”, engadiu María del Pilar Murias, quen se referiu tamén á ollada aberta dos estudantes para coñecer a cidade que os acolle, Santiago de Compostela, alén dos tópicos.
Da lingua e a literatura á música e o cinema
O alumnado gozará durante tres semanas dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, da literaria e lingüística á musical á artística e paisaxística.
O calendario de palestras arrinca este xoves 6 de xullo cun relatorio da escritora e académica Marilar Aleixandre, galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura coa novela As malas mulleres. O cineasta Álvaro Gago, director da multipremiada Matria, falaralles aos alumnos sobre a historia do cinema galego e da súa propia obra cinematográfica o martes 11 de xullo. O xoves 13 Malores Villanueva, biógrafa de Francisco Fernández del Riego, pronunciará un relatorio sobre a celebración do Día das Letras Galegas 2023, que este ano chega á súa sexaxésima edición rendéndolle homenaxe precisamente ao seu creador; o 18 de xullo será a quenda de María Obelleiro, director de Nós Diario, cunha intervención sobre os medios de comunicación e a lingua galega; e o 20 de xullo a escritora e académica Fina Casalderrey abordará os lazos entra a literatura e a gastronomía.
A programación de actividades inclúe ademais obradoiros de baile tradicional e regueifa a cargo de Mercedes Prieto e Alba María, respectivamente; unha viaxe no tempo polas rúas de Santiago de Compostela a través das músicas que se escoitaron e crearon na cidade e mais unha excursión á Costa da Morte.