Saltar ao contido

Antón Reixa

Antón Reixa
Facultade de Filosofía
8 de Xullo de 2019
|

Escritor, creador audiovisual, músico (cantante e letrista, fundamentalmente co grupo Os Resentidos). Exerceu como profesor de lingua e literatura galegas na secundaria. Dirixiu e presentou programas de radio. Comezou o traballo literario como membro fundador do grupo Rompente. Impartiu conferencias e masterclasses en universidades e centros culturais. Ten participado en numerosos recitais cos seus propios poemas. Foi o máximo responsable da produtora Videoesquimal. Presidiu a produtora Filmanova e as súas filiais entre 1999 e 2017. Foi presidente do Clúster Audivisual de Galicia e da SGAE.Actualmente traballa na filmoteca de Galicia (CGAI), en comisión de servizos para AGADIC. Colabora en Luzes e no faladoiro do programa de radio de Julia Otero. Continúa co seu traballo literario e de letrista, amais de colaboracións en prensa e para outros proxectos audiovisuais.

A produción audiovisual como promoción da normalización lingüística

A finais da década dos 70 comezou unha emisión diaria en galego de TVE. O impacto de ver/escoitar galego na televisión foi grande, sobre todo en rexistros ata daquela inéditos. En 1985 inaugúrase a TVG. Isto supoñería 24 horas de emisión en galego.

O relator analizará o efecto destas emisións e da produción independente de cinema no proceso de normalización e na implantación das novas formas que propuña o novo estándar para o idioma. Mención á parte van merecer o impacto destas emisións no público infantil e na identidade colectiva a efecto de recoñecemento xeográfico do país.

Paulina Ceremuzynska

Paulina Ceremuzynska
Facultade de Filosofía
9 de Xullo de 2019
|

Paulina Ceremuzynska estudou Interpretación de Música Medieval cos na Universidade de Paris-Sorbonne e Musicoloxía na Universidade de Varsovia. No ano 2004 trasládase a Santiago de Compostela, para estudar en profundidade a música e a lingua das cantigas medievais galego-portuguesas. Froito do seu traballo de transcrición e interpretación das cantigas de amor do Pergamiño Sharrer, é o disco “Cantigas de amor e de amigo”, a segunda gravación mundial das cantigas de amor do rei portugués don Denís, que obtivo excelentes críticas na prensa especializada. A súa investigación no eido musical deu tamén lugar aos discos E moiro-me d’amor (2007), consagrado a reconstrución da música perdida das cantigas de amigo dos máis destacados trobadores da tradición galego-portuguesa; e Audite Gentes! Salmos do Século de Ouro (2015).En 2015 participou no proxecto dedicado a Hildegard von Bingen de Guillemette Laurens, quen a convidou un ano despois como asistenta no marco da Academia de Canto do Festival de St.Bertrand-de-Comminges, centrada nas Cantigas de Santa María. No ano 2017 organiza en Santiago de Compostela un curso internacional de interpretación historicamente informada das Cantigas de Santa María e en 2019 é convidada ao Conservatorio CRR de París, para dar un curso sobre as cantigas medievais galegas.

As cantigas medievais galegas, un tesouro da música medieval europea (concerto – conferencia)

As cantigas medievais galegas son un dos maiores tesouros da música medieval europea e, xunto co tesouro da música tradicional, o máis importante repertorio da música galega de todos os tempos. Confírmao o recoñecemento e a forte presenza que ten dende hai anos este repertorio nos escenarios de todo o mundo. Este concerto-conferencia pretende achegar o alumnado aos coñecementos básicos sobre os diversos xéneros das cantigas (de amigo, de amor, de Santa María, de escarnho e maldizer), tratando sobre a súa música e o seu texto entendidos como partes inseparables unha da outra.

María Yáñez

María Yáñez
Facultade de Filosofía
15 de Xullo de 2019
|

María Yáñez leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos audiovisuais para internet, deseñando estratexias de comunicación online e comisariando diversos proxectos de cultura dixital como o festival Carballo Interplay ou o LAIC da Coruña. Na actualidade dirixe VINTE, unha revista en liña de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal.

O galego nos medios de comunicación: oportunidades e desafíos no mundo dixital

Un percorrido pola situación da lingua galega nos medios (prensa, radio, televisión e Internet) e os retos aos que se enfronta nun panorama marcado polas novas formas de consumo e produción na Rede. Toda unha ventá de oportunidades para quen queira coñecer e aprender a nosa lingua desde os máis diversos temas e formatos. E unha serie de desafíos que pasan pola sustentabilidade, a calidade lingüística, a pluralidade, o achegamento á xente nova e a conexión co mundo lusófono.

Celso Fernández Sanmartín

Celso Fernández Sanmartín
Facultade de Filosofía
16 de Xullo de 2019
|

Menos é máis, dicían @s minimalistas, pero deámoslle a volta á frase e pensemos nos tempos que nos toca vivir, no que temos entre mans e en como nos movemos polo día e na noite.Traballei dez anos con persoas maiores asistidas nunha residencia.

Sigo escoitando contos, cantares e historias das súas vidas a persoas que inda lembran a chegada da luz, dos motores e da televisión.

Dáme a impresión de que vivimos bastante de cu a estas persoas que son das que mellor nos saberían contar a vida en conversación.

E iso fago eu, escoitar e contar en compañía, nen máis nen menos.

Contar

A narración oral foi sempre o modo de comunicación por excelencia nas comunidades humanas pre-tecnolóxicas e ágrafas. Os contidos desta comunicación eran en parte coñecementos prácticos e noutra parte sociográficos. Coa chegada dos medios de comunicación modernos, variou esencialmente o paradigma comunicativo tradicional.

Tentaremos ver logo a actualidade e valor da narración oral tradicional.