Fina Casalderrey
Fina Casalderrey (Xeve. Pontevedra, 1951). A creación literaria, o fomento da lectura, a etnografía, a gastronomía, o teatro escolar, os guións cinematográficos… conforman a súa traxectoria.
Os seus libros foron traducidos a todas as linguas do Estado. Algúns tamén ao bretón, coreano, italiano, portugués, francés, inglés, córnico, serbio e chinés.
Na súa extensa carreira literaria obtivo múltiples premios e recoñecementos. Ademais de conseguir en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, acadou, entre outros, os premios Merlín en 1991, Barco de Vapor en 1994, Edebé en 1996, a Medalla Castelao en 2003 e o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras en 2015. Foi candidata ao Premio Astrid Lindgren en 2009 e 2011.
Neste 2023 foi de novo proposta para o Premio Astrid Lindgren, distinguida como ESCRITORA NA SÚA TERRA pola AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) e elixida pola OEPLI como candidata española ao premio internacional Hans Chistian Andersen 2024, o Nobel de LIX, polo conxunto da súa obra.
Foi mestra. É numeraria da Real Academia Galega.
Para saber máis: http://fina.casalderrey.com.
Letras con sabores e recendos
A literatura é coma o sal, que utilizado nas proporcións axeitadas reforza os sabores. Literatura é gastronomía forman un binomio perfectamente relacionado. En múltiples ocasións a literatura bota man de símiles gastronómicos para contar, imaxinar, crear mundos… A gastronomía apóiase cada vez máis na literatura para lles poñer alma aos seus pratos. A literatura mostra os sabores, os recendos… da palabra cociñada a lume maino; asemade, a gastronomía é a lectura sublime das posibilidades dos produtos alimenticios. Talvez o primeiro punto en común entre ambas sexa a súa data de nacemento: ambas as dúas naceron co ser humano coma unha necesidade.
En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas univitelinas que ata sufriron xuntas o menosprezo e o silencio. Hoxe, dende as feridas, dáse unha eclosión de ambas, favorecida polo contexto socio-cultural. A arte tamén precisa de medios para sobrevivir. Trataremos de facer un percorrido un tanto aleatorio por algúns dos trazos comúns entre estas dúas ramas da arte.