Saltar ao contido

María Álvarez de la Granja

María Álvarez de la Granja
Aula 4 da Facultade de Filosofía
4 de Xullo de 2024
|
12:00

María Álvarez de la Granja é Profesora Titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, secretaria do Instituto da Lingua Galega e coordinadora do seu grupo de investigación Filoloxía e lingüística galega. A súa investigación oriéntase sobre todo cara ao léxico, a lexicografía, a semántica e a fraseoloxía. Entre as súas publicacións destacan os libros As locucións verbais galegas e Léxico dispoñible do galego, este último en coautoría con Belén López Meirama. Participou, ademais, como coordinadora ou como membro do equipo, na creación de varios recursos dixitais en aberto, entre eles o Dicionario de dicionarios do galego medieval, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, Patrimonio léxico da Gallaecia ou Cortegal. Corpus de textos escritos por estudantes no ámbito académico.

Cal ti es, así me dis. Idiosincrasia e universalidade na fraseoloxía galega

É habitual afirmar que as unidades fraseolóxicas constitúen o compoñente máis idiosincrático das linguas, polo seu papel transmisor de valores propios de cada sociedade e de cada cultura. Nesta conferencia, tomando como referencia a fraseoloxía do galego, tentaremos xustificar, con razóns de diferente tipo, o porqué desta afirmación, ao mesmo tempo que amosaremos e explicaremos a existencia de elementos fraseolóxicos compartidos con outras linguas e culturas. Na conferencia tamén presentaremos algunhas das publicacións e recursos que poden empregar as persoas interesadas en coñecer e utilizar a fraseoloxía do galego.