Cadrando co aniversario de Luísa Villalta, Xurxo Souto ofreceu un obradoiro sobre a relación entre a música e a literatura. O escritor e músico salientou a grande achega realizada pola autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024  no ensaio O outro lado da música, a poesía. Neste libro que cualificou como revolucionario, Villalta traza unha relectura da historia da poesía galega dende a Idade Media na que pon o foco na unión que existía entre a lírica e a música, esquecida durante moito tempo nos estudos literarios.