A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela clausuraron o 24 de xullo os XXXIV Cursos de lingua e cultura galega “Galego sen fronteiras” nun acto no que se celebrou a entrega dos diplomas aos máis de medio cento de alumnos e alumnas procedentes de tres continentes.
No acto tomaron a palabra por parte das entidades organizadoras o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o director dos cursos, o académico Henrique Monteagudo; e a profesora Ana Fachal. Tamén interveu Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, institución que apoia canda a Deputación da Coruña esta iniciativa.