Visita á Real Academia Galega

Sen categorizarComentarios desactivados en Visita á Real Academia Galega

O alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” coñeceu a Real Academia Galega e a súa historia da man do presidente da institución. Víctor F. Freixanes impartiu o 4 de xullo a conferencia inaugural da trixésimo segunda edición destes encontros. O responsable da RAG deulles a benvida aos setenta estudantes matriculados nesta edición, procedentes de vinte países de catro continentes, e explicoulles as orixes e funcións da Academia. Tras a visita á RAG, a xornada na Coruña continuou cunha visita á Torre de Hércules, que celebra estes días o décimo aniversario da súa declaración como monumento Patrimonio da Humanidade.

Víctor F. Freixanes presentoulles tamén as distintas ferramentas dixitais da Academia para profundar no idioma de Galicia, entre as que destacan o Dicionario en liña e a súa aplicación para móbiles e o Portal das Palabras. O responsable da institución ofreceulles ademais un percorrido pola historia da lingua galega, desde o esplendor medieval e o Rexurdimento ata a situación actual na que o galego, salientou, é un idioma de expresión de modernidade en todos os ámbitos culturais, desde a literatura e a música ao deseño ou a arquitectura.

Non se permiten comentarios.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA