A preinscrición nos Cursos de lingua e cultura galegas 2018, ata o 6 de abril

Sen categorizarComentarios desactivados en A preinscrición nos Cursos de lingua e cultura galegas 2018, ata o 6 de abril

A Real Academia Galega acaba de abrir o prazo de preinscrición nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. A solicitude de prazas poderá realizarse ata o vindeiro 6 de abril. A XXXI edición do programa dirixido a persoas de fóra de Galicia desenvolverase do 2 ao 24 de xullo de 2018 en Santiago de Compostela.

Os cursos organizados pola Real Academia Galega lévanse a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Desde a súa creación en 1988, pasaron polas súas aulas preto de tres mil persoas procedentes de todo o mundo, e que gozaron dunha experiencia de inmersión no idioma e na sociedade galegas durante o mes de xullo. Moitas delas hoxe desenvolven un labor destacado no eido dos estudos galegos fóra de Galicia, e que exercen de auténticos embaixadores da cultura galega.

O folleto informativo cos detalles desta nova convocatoria pode descargarse nesta ligazón. A ficha de inscrición tamén pode descargarse nestoutra ligazón. Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden dirixirse á secretaría dos cursos a través do correo electrónico cursos@academia.gal.

Non se permiten comentarios.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA