Os Cursos reciben este verán máis de 80 estudantes dunha vintena de países

Sen categorizarComentarios desactivados en Os Cursos reciben este verán máis de 80 estudantes dunha vintena de países

A de 2017 ano será unha edición especial dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. O programa chega aos trinta anos de vida e faino dándolles a benvida, o vindeiro 3 de xullo, a máis de oitenta estudantes dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía. As aulas desenvolveranse en Santiago de Compostela ata o vindeiro 24 de xullo e combinarán as clases teóricas e prácticas con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas destacadas do mundo da cultura galega en distintos eidos, desde a literatura á música ou á arte dramática.

Organizados pola Real Academia Galega (RAG), os cursos contan coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O alumnado procede nesta edición de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón, Portugal e doutras comunidades autónomas do Estado español.

Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, outra charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato, ou un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, forman parte do programa deseñado. Os participantes poderán tamén gozar dunha visita á Casa-Museo Rosalía de Castro, guiada por Anxo Angueira, que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

A XXX edición dos Cursos de verán lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” será inaugurada o luns 3 de xullo, ás 12:30 horas, na Facultade de Filosofía da USC.

Non se permiten comentarios.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA