Aberto ata o 24 de febreiro o prazo de solicitude de inscrición nos Cursos “Galego sen fronteiras” de 2017

Sen categorizarComentarios desactivados en Aberto ata o 24 de febreiro o prazo de solicitude de inscrición nos Cursos “Galego sen fronteiras” de 2017

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” celebrarán o vindeiro mes de xullo trinta anos recibindo a persoas de todo o mundo. O prazo de recepción de solicitudes para participar nesta nova edición permanecerá aberto ata o 24 de febreiro. O programa desenvolverase en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo de 2017.

A Real Academia Galega organiza a XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. Mantén así un ano máis unha experiencia xa convertida nunha tradición que desde 1988 permitiu a máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas desde os cinco continentes mergullárense no idioma e na realidade sociocultural de Galicia.

O programa diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, ao vinculado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo, aínda que está aberto a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.A iniciativa constitúe unha ferramenta de grande utilidade para a internacionalización e normalización da nosa cultura: moitas das persoas que hoxe que traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos Cursos “Galego sen fronteiras”.

Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, e Xosé Luís Regueira, tamén membro de número da institución, codirixen os cursos, que se dividen en tres niveis nos que se combinan clases teóricas e prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese histórico e natural, entre outras actividades.

O folleto informativo da edición dos Cursos de verán de 2017 pódese descargar nesta ligazón.
A formulario de inscrición pódese descargar nestoutra ligazón.

Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao correo electrónico cursos@academia.gal.

Máis información AQUÍ

Non se permiten comentarios.

© 2016 CURSOS DE VERÁN DE LINGUA E CULTURA GALEGAS - REAL ACADEMIA GALEGA